Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 16 números de La Patria Gallega. A revista comezou a editarse na Habana en 1911 e tiña como fin informar sobre a actualidade de Galicia, así como sobre as novas e actividades das asociacións galegas constituídas na illa de Cuba. Os exemplares que se incorporan neste mes de decembro corresponden a diferentes números publicados entre 1911 e 1913. A dixitalización destes fondos foi posible grazas a Lucía Ramos, neta de Tomás Ramos Riguera, fundador e directivo durante anos da sociedade de instrución Vivero y su Comarca.
O primeiro número da cabeceira La Patria Gallega publicouse no ano 1911 co subtítulo de Revista Semanal Ilustrada: Órgano Defensor de los Intereses de la Colonia Gallega en toda la República, aínda que ao ano seguinte mudouno por Revista Semanal Ilustrada Defensora de los Intereses Gallegos en Cuba. En 1913 asumiu un novo cambio de nomenclatura ao empezar a divulgarse como La Patria Gallega. Revista Semanal Ilustrada: Órgano de los Intereses Gallegos en la Isla e, a partir do número 60, incorporou na súa portada unha banda azul superposta como representación da bandeira galega.
Entre as páxinas da revista poden lerse novas de carácter xeral sobre Galicia. Ademais, na sección “Notas de la semana”, incluía noticias de actualidade sobre as asociacións de emigrantes galegos e galegas en Cuba. Así mesmo, informaba das actividades desenvoltas polo Centro Gallego, con cuxa directiva a cabeceira se amosaba moi crítica, e mais pola Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia. A publicación incorporaba tamén noticias sobre a colectividade emigrada e outra información relacionada coas condicións laborais dos traballadores, así como poemas e artigos literarios asinados por personalidades relevantes. De feito, entre os seus colaboradores figuran nomes como Ramón Cabanillas, Manuel Gómez Cordido ou Roblanto.
De periodicidade semanal e extensión variable, La Patria Gallega distribuíase a un custo de dez centavos por exemplar, aínda que cabía a posibilidade de formalizar unha subscrición mensual con prezos diferentes para os residentes na Habana, no resto da illa de Cuba e no estranxeiro. Con respecto ao idioma, a información ofrecíase fundamentalmente en castelán e empregábase o galego nalgunhas colaboracións literarias. As ilustracións eran escasas e reflectían, sobre todo, paisaxes e costumes propios de Galicia. Pola contra, a publicidade era moi abundante e concentrábase nas primeiras e nas últimas páxinas da publicación. Entre as empresas que se anunciaban, destaca a publicidade de negocios como xastrarías, barbarías ou notarías, caixas de aforros, fábricas de tabaco, doces e vinagres, etc.
Os 16 números que se inclúen nesta ocasión no Repertorio da prensa da emigración galega corresponden a catro exemplares do ano 1911, nove de 1912 e tres difundidos en 1913.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.