Corenta anos de cultura galega en estatísticas é o último informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que analiza a evolución da situación sociocultural neste período. O documento revela que se profesionalizou o sector cultural, pois duplicouse o emprego, e practicamente todos os indicadores sinalan que os hábitos e prácticas culturais dos fogares de Galicia e dos seus habitantes se sitúan por riba da media estatal. Porén, o gasto público en cultura minguou en todas as administracións. “Houbo unha mudanza significativa cunha tendencia xeral positiva e na que mudaron moito os hábitos da cidadanía” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do CCG na presentación do informe. Unha valoración na que incidiu Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, que destacou o incremento de fontes estatísticas neste tempo. O informe xa se pode descargar desde o web da institución.
A mellora das condicións de vida, o aumento do tempo de lecer ou o Estado das autonomías, coa transferencia de competencias en materia cultural, así como o desenvolvemento normativo (lei de normalización lingüística, lei do audiovisual galego e moitas outras), foron decisivos para que a situación da cultura mellorase nestes corenta anos. O informe revela un panorama evolutivo diverso cunha tendencia xeral positiva, aínda que con diferenzas entre magnitudes.
O informe constata que un dos indicadores básicos é o emprego, que en Galicia só se pode contabilizar desde 1999 porque non hai cifras anteriores. “As 36 500 persoas que traballan actualmente en actividades culturais en Galicia son máis do dobre das que había a finais do século XX”. Pasouse do 1 % de traballadores dedicados a actividades ou ocupacións culturais ao 3,3%, e todos os indicadores amosan unha maior profesionalización.
Hábitos e prácticas culturais
Hai tamén unha cidadanía máis activa culturalmente. Os diferentes indicadores que miden os hábitos e prácticas culturais da cidadanía galega amosan esa tendencia positiva. O máis destacado é o da lectura. En 1985 só o 33 % da poboación galega lía libros, mentres que hoxe en día chega ao 55 %, cifra que, ademais, está por riba da media estatal. Na lectura de prensa, moi popular entre a poboación galega, a diferenza é aínda máis considerable e o incremento do hábito de lectura nestes corenta anos é claramente superior en Galicia ao do total do Estado. As coleccións de libros particulares creceron de maneira importante, pois triplicouse o número de libros dispoñibles por fogar. Porén, desde que hai datos, descendeu lixeiramente a compra anual de libros.
Agora temos máis instrumentos musicais (pasouse do 5 % ao 9 % da poboación), debuxamos máis (do 5 % ao 15 %) e escribimos máis (do 1 % ao 8 %), e a cativada practica máis ballet (do 2 % ao 6 %).
A tecnoloxía foi entrando nos fogares nas últimas décadas. Á altura de 1985 o único dispositivo era o televisor, ao que despois se foron sumando o VHS, o Blue-ray, ordenadores, tabletas…, o que tamén se traduce en que se duplicou o número de horas dedicadas a ver cine en pantallas. Se o 9 % dos fogares tiña un ordenador en 1990, agora teno o 77 %. O informe tamén recolle a evolución do cinema, cos cines como unidade estrutural nunha situación de retroceso importante. Di o documento que “a evolución do sistema comercial, que pasa de estar configurado por cines dunha única sala de exhibición a infraestruturas con varias, fai que o crecemento de salas no seu conxunto sexa positivo. A porcentaxe de poboación que asiste ao cine é similar, algo menos dun terzo, pero quen asiste faino moitísimo menos. Se nos anos oitenta era normal ir ver unha película nunha sala de exhibición unha media de oito veces ao ano, agora é de menos de tres. Isto implica que, no conxunto, o número de espectadores decreceu”.
As infraestruturas e as administracións públicas
Houbo unha mellora significativa das infraestruturas públicas do país, que dobraron o seu número en moitos casos. En 1983 había 6 bibliotecas por cada 100 000 habitantes, mentres que hoxe en día hai máis de 13, e os fondos que albergan tamén se incrementaron notablemente, ao multiplicarse por sete: as bibliotecas galegas pasaron de albergar 1,8 millóns de fondos a máis de 13 millóns. Unha situación semellante dáse na rede de teatros e auditorios: se en 1986 había 21 teatros por cada millón de habitantes, hoxe en día hai 36 por millón, é dicir, un total de 96 dotacións deste tipo. Duplicáronse tamén as salas de concertos, salas de exposicións e museos. O número de museos por cada 100 000 habitantes aumentou de 1,66 en 1986 a 3,15 en 2020, confluíndo coa oferta media do conxunto do Estado.
Con todo, o informe constata que o gasto público en cultura non evolucionou do mesmo xeito que outros indicadores. “É evidente que as partidas económicas se incrementaron notablemente, pero a proporción do gasto en cultura con respecto ao total do gasto público minguou en todas as administracións”, asegura o documento. O gasto da Administración xeral do Estado en cultura pasou de sumar o equivalente a 233 millóns de euros en 1985 a máis de 700 millóns na última anualidade dispoñible, pero o peso no conxunto do orzamento pasou do 0,35 % ao 0,21 %. O recorte medido en proporción ao PIB aínda é maior, xa que pasou de supoñer o 0,14 % en 1985 ao 0,07 % en 2020. A Administración local, pese a ser a que soporta a maior parte do gasto cultural en conxunto, tamén baixou a proporción do que destina a cultura: se en 1985 a cantidade destinada a cultura era o 5,37 %, na última referencia descendeu ata o 4,15 %. Cómpre salientar que a evolución foi irregular, xa que en 2005 as corporacións locais galegas (concellos e deputacións) gastaban moito máis en cultura que en 2020.
Pola súa banda, na Administración autonómica o gasto en cultura no seu conxunto descendeu do 1,58 % ao 0,55 %. “O gasto da Xunta de Galicia, que era menor que o doutras comunidades autónomas, pasou do 0,68 % en 1985 ao 0,66 % en 2020, o último ano do que se dispón do dato do gasto liquidado. Isto significa que na práctica o Goberno galego gasta en proporción o mesmo en cultura agora que hai 35 anos”, conclúe o informe.
O documento pecha cun repaso da evolución das industrias da cultura, ás que lles afectaron todas as crises (igual que ao consumo), pero a de 2008 con especial incidencia. A edición multiplicouse por cinco (pasouse de editar uns 350 libros ao ano a máis de 2200)e o incremento dos libros inscritos no ISBN en lingua galega foi do 360 %. A produción audiovisual tamén medrou. En corenta anos duplicouse o número de empresas comerciais no ámbito musical, isto é, aquelas dedicadas a afinación, edición, comercio, instrumentos, estudos de gravación etc. As representacións de teatro incrementáronse máis do dobre e o número de espectadores máis do triplo.
O Observatorio da Cultura Galega elaborou este informe no marco da liña de asesoramento que mantén a institución, que fai corenta anos este sábado, 8 de xullo, día da aprobación da Lei de creación do Consello da Cultura Galega.