A Terra

Repertorio da prensa da emigración galega

A Terra

Revista mensual: Órgano del Centro Gallego

Xoves, 18 de abril de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega

A Terra

Revista mensual: Órgano del Centro Gallego

consellodacultura.gal

A Terra

Repertorio da prensa da emigración galega

A revista A Terra iniciou a súa andadura en 1920 como voceiro do Centro Gallego de Córdoba (A Arxentina). De carácter mensual, a publicación tiña como obxecto informar os integrantes da sociedade das actividades que esta organizaba, así como doutros asuntos que puidesen resultar de interese para a colectividade. Neste mes de abril, o Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma seis números desta cabeceira publicados entre os anos 1920 e 1921.
Levar ao fogar dos socios e socias unha publicación de carácter rexional que reproducise o sentir da vida en Galicia e que, á vez, servise de voceiro das ideas da sociedade eran os propósitos principais que tiña a revista A Terra. Así consta no seu primeiro número, que saíu do prelo en maio de 1920. Editada polo Centro Gallego de Córdoba (A Arxentina), a cabeceira informaba das actividades organizadas pola entidade, ao mesmo tempo que daba conta dalgúns aspectos relacionados coa propia institución, como a lista dos seus membros, os movementos de caixa ou os acordos das reunións da xunta directiva. Tamén incorporaba noticias sobre a colectividade, colaboracións literarias e numerosos artigos cos que buscaba achegar a realidade cultural galega aos asociados e asociadas.

O castelán era o idioma predominante da cabeceira, aínda que incluía algúns textos en galego. Distribuída cunha periodicidade mensual e de xeito gratuíto para os socios e socias, a revista adoitaba reproducir na súa portada motivos típicos de Galicia. Xunto con estas ilustracións, incorporaba fotografías de actos sociais, unha galería infantil, retratos de personalidades destacadas e imaxes de escenas e paisaxes galegas, aínda que, en xeral, a presenza de contidos gráficos era escasa. Pola contra, a publicidade era abundante e estaba localizada, sobre todo, nas páxinas iniciais e finais da publicación. Entre os establecementos que se anunciaban atópanse establecementos comerciais (mercerías, tinturarías, almacéns, ferraxarías etc.), bancos, compañías de navegación, hoteis e produtos de consumo.

O Repertorio da prensa da emigración galega suma aos seus fondos seis exemplares desta cabeceira. Trátase, en concreto, de catro números publicados en 1920 e dous difundidos en 1921.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
 
Difusión.
Repertorio da prensa da emigración galega
A Terra
Revista mensual: Órgano del Centro Gallego
Data de publicación
Xoves, 18 de abril de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)