Sociedad U.P. del Distrito de Salvatierra de Miño

Repertorio da prensa da emigración galega

Sociedad U.P. del Distrito de Salvatierra de Miño

El avance del progreso

Xoves, 16 de maio de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega

Sociedad U.P. del Distrito de Salvatierra de Miño

El avance del progreso

consellodacultura.gal

Sociedad U.P. del Distrito de Salvatierra de Miño

Repertorio da prensa da emigración galega

A Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, posteriormente renomeada como Asociación Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina, puxo en marcha en 1946 unha revista para celebrar os seus vinte e cinco anos de existencia. Tras esta primeira época, retomouse a súa publicación en 1997 cunha cabeceira que mantiña os mesmos obxectivos que a súa predecesora: conmemorar os aniversarios sociais da entidade editora. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma aos seus fondos neste mes de maio un número da primeira época (1946) e cinco da segunda, publicados entre os anos 1999 e 2010.
A cabeceira comezou a editarse en 1946 con motivo da conmemoración do vixésimo quinto aniversario fundacional da asociación Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, entidade encargada da súa edición naquel momento. Cun título homónimo ao da sociedade e baixo o lema “El avance del progreso”, a revista informaba do labor realizado pola entidade durante os seus cinco lustros de existencia. Ademais, incluía colaboracións literarias e artigos dedicados a figuras relevantes no seo da sociedade. Tras a publicación deste primeiro exemplar, non existe constancia da divulgación de novos números ata 1997, ano en que a cabeceira iniciou unha segunda etapa.

Nesta época editouse coa nova denominación que adquirira a sociedade microterritorial, agora renomeada como Asociación Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina. O obxectivo principal da publicación continuou a ser o de conmemorar os aniversarios fundacionais da entidade, polo que se divulgou cunha periodicidade anual e de xeito gratuíto entre os asociados e asociadas. A través das súas páxinas informaba da actualidade de Galicia e España aos emigrantes de Salvaterra de Miño residentes na Arxentina, ao tempo que daba conta das novas sobre a colectividade. A revista servía tamén de canle para divulgar as actividades organizadas pola sociedade e para informar das visitas institucionais ao país realizadas por persoeiros destacados de Galicia. Así mesmo, incorporaba aquelas novidades da lexislación galega e española en materia de migración que puidesen resultar de interese para os emigrados e emigradas.

A información estaba elaborada fundamentalmente en castelán, aínda que nalgúns textos se empregaba o galego. Con respecto ás ilustracións, incluía fotografías daqueles actos societarios organizados pola entidade. A publicidade era moi abundante e estaba distribuída ao longo de toda a revista. Entre as empresas que se anunciaban destacan aquelas postas en marcha polos galegos e galegas en Bos Aires, así como os negocios localizados na provincia de Pontevedra.

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora cinco números da segunda época desta cabeceira, que contou para a súa edición coa axuda económica da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. En concreto, súmanse os números 3 (1999), 6 (2002), 10 (2006), 13 (2009) e 14 (2010). Así mesmo, dixitalizouse un exemplar pertencente á primeira época da revista e lanzado en 1946 para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da sociedade editora.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
 
Difusión.
Repertorio da prensa da emigración galega
Sociedad U.P. del Distrito de Salvatierra de Miño
El avance del progreso
Data de publicación
Xoves, 16 de maio de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)