Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Asociación Hijos del Ayuntamiento de Boiro
Bos Aires, 20 de setembro de 1931 – ata a actualidade
Xoves, 23 de xaneiro de 2025 consellodacultura.gal
Bos Aires, 20 de setembro de 1931 – ata a actualidade
consellodacultura.gal
Un grupo de emigrantes naturais do concello de Boiro, liderados por Benigno del Río, funda o 20 de setembro de 1931 na capital arxentina unha sociedade co nome de “Sociedad Hijos de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Boiro”. A súa primeira directiva estivo integrada por José Saavedra, como presidente; vicepresidente, José Sánchez; secretario, José López; prosecretario, Francisco Piñeiro; tesoureiro, Benigno Sánchez; protesoureiro, José R. González e os vogais, Juan Lorenzo, Joaquín Quintana, Manuel Castizo, Francisco Filgueira, Francisco Piñeiro e Ramón Cespón.
Entre as súas finalidades estaba financiar a construción dunha escola na súa terra natal, que finalmente erixiu no lugar de O Saltiño (parroquia de Abanqueiro). No seu labor a prol da educación e a cultura, en marzo de 1936 proxectaba a creación dunha biblioteca circulante para achegar a lectura a todos os veciños do seu concello natal. Cun ideario republicano e democrático, dende os seus inicios formou parte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina e tras o estoupido da Guerra Civil contribuíu con numerosos envíos de fondos e medicinas á República e ás vítimas da guerra, formando parte do “Comité de Ayuda al Frente Popular Español” e da “Central Gallega". En 1942 organiza unha subscrición para enviar axuda aos presos e orfos da guerra do seu concello.
A finais da década dos 30 cambia o seu nome por “Hijos del Ayuntamiento de Boiro” e en 1946 aproba uns novos estatutos, pasando a ser unha sociedade recreativa, de auxilio mutuo e beneficencia coas seguintes prioridades «la acción recreativa y cultural; fomentar la unión de todos los residentes del ayuntamiento de Boiro en la República Argentina; difundir la cultura gallega entre los emigrantes y sus descendientes con el fin de despertar el interés de los mismos; mantener vivas las costumbres gallegas; contribuir a mejorar la vejez de nuestros emigrantes que están pasando necesidades (...)». Dende 1960 publica como voceiro social a revista Boiro e a finais dos 90 un boletín co mesmo nome.
Actualmente, ademais das actividades recreativas, destaca pola súa actividade mutualista e benéfica coa creación dun Centro de Día para atender aos seus asociados máis maiores e necesitados, subministrándolles atención sanitaria e alimentos, ademais de asesoramento xurídico.