NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación Hijos del Ayuntamiento de Boiro

Un grupo de emigrantes de Boiro, comandados por Benigno del Río, funda en Bos Aires en 1931 a entidade “Sociedad Hijos de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Boiro” co obxectivo de crear unha escola e unha biblioteca circulante para achegar a lectura a todos os veciños da súa terra natal. Documentación desta sociedade, hoxe activa baixo o nome “Hijos del Ayuntamiento de Boiro”, conforma a nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega

A documentación que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) vén de facer pública reflicte a historia dunha colectividade destacada da emigración galega na capital arxentina e que aínda está activa con nome “Hijos del Ayuntamiento de Boiro” co que aínda está activa. Actualmente, ademais das actividades recreativas, destaca pola súa actividade mutualista e benéfica coa creación dun Centro de Día para atender aos seus asociados, subministrándolle atención sanitaria e alimentos, ademais de asesoramento para a petición de pensións ou axudas do goberno español e da Xunta.

Nesta entrega incorpóranse libros de actas, libros coas sinaturas dos socios, estatutos sociais, libro dos rexistros dos socios, contabilidade societaria, e correspondencia (recibida e enviada) de diferentes períodos comprendidos entre 1938 e 1946.

O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.