O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes o Barómetro da cultura galega 2025, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do país no último ano e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron este informe, que establece que “2024 foi un ano de crecemento moderado para a cultura galega”. O 39 % das entidades enquisadas afirma que tivo un 2024 mellor que o ano anterior, mentres o 21% asegura que lle foi peor. Neste ano os custos fóronse moderando, a tendencia no emprego foi á estabilidade e medrou o número de entidades que non solicitaron subvencións para desenvolver a súa actividade. O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora levemente a puntuación das administracións locais. “Neste informe, que forma parte da función asesora da institución, temos unha ferramenta de análise e de seguimento da situación cultural no que están as tres áreas implicadas: a empresarial, as administracións e o tecido asociativo” apuntou Rosario Álvarez. O documento xa se pode descargar desde o web corporativo.
O Barómetro da cultura galega consolídase como unha ferramenta de análise e seguimento do estado e a evolución do sector cultural no país e conta con datos proporcionados por 976 empresas, profesionais, departamentos de cultura das administracións públicas e entidades culturais do terceiro sector entre o 20 de xaneiro e o 28 de febreiro. O estudo ofrece unha radiografía das principais características da situación das entidades da cultura en 2024. “Un 39% das entidades que a compoñen considera que este ano pasado foi igual que o anterior e o 37% afirma que tivo unha evolución mellor”. Só ao 21,9% lle foi peor. A pesar dese contexto xeral positivo, os valores son inferiores aos anos da recuperación, 2021 e 2022. “As entidades da cultura prevén que 2025 continúe nun escenario de estabilidade” afirma o estudo.
Por sectores, o Barómetro establece que entre as entidades que tiveron un ano positivo están os museos, as que desenvolven actividades relacionadas co patrimonio cultural, as da educación cultural e tamén os departamentos de cultura das administracións. Tamén na parte están as artes gráficas, as bibliotecas e arquivos, a música e o audiovisual, e, con algo de distancia, o teatro, a danza e os espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas. No plano negativo están as artes visuais e o comercio de libros e xornais.
Entre os datos que achega este informe sobre a realidade cultural galega sobresae que os ingresos subiron para o 37% da mostra e permaneceron estables para o 35,3%. Pola contra, 8 de cada 10 entidades aseguraron que notaron incremento dos prezos e das materias e servizos que precisan. “Con todo, as previsións indican que os custos se van moderando e non crecen tanto como en anos anteriores”. Tamén se aprecia unha estabilidade no emprego, aínda que o 12,8% das entidades manifestaron que o ampliaron e o 9,9% se veu abocado a reducilo. Unha tendencia que se confirma é a dificultade para atopar profesionais, e son as artes gráficas, a arquitectura, a publicidade, o deseño e a música as profesións que presentan maiores dificultades.
Subvencións e internacionalización
O estudo tamén analiza as subvencións e axudas públicas. En 2024 solicitaron subvencións o 46,6% das entidades enquisadas, das que o 4,2% non as recibiu. O 51,7% das entidades non as solicitou, é a cifra máis alta desde que se fai o barómetro, o ano 2021. “A tendencia é que cada vez menos entidades soliciten subvención”, asegura o informe. Son sobre todo as empresas dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas, ás artes visuais, á arquitectura e á publicidade as que non chegaron a solicitar este tipo de axudas. Segundo o documento, “son os empresarios autónomos os que maioritariamente non as solicitaron”. Polo demais, o informe asegura que “o cruzamento por facturación e volume de persoal amosa que foron as entidades máis grandes as que maioritariamente solicitaron e obtiveron subvencións, fronte aos demais segmentos de cada un deses cruzamentos, onde foi máis habitual non ter feito solicitudes ao respecto”. En función das contías totais recibidas, máis da metade, o 54,8%, recibiu 10.000 euros ou menos e un 18,3% máis de 50.000 euros. No entanto, en función da facturación, aquelas que facturan de 500.000 euros en diante conseguiron no 53,2%, máis de 50.000 euros.
En canto á internacionalización, o Barómetro rexistra un “lixeiro incremento na porcentaxe de produción dedicada ao mercado internacional”, aínda que segue lonxe das cifras colleitadas nos dous anos xacobeos, e desde o Observatorio consideran que cómpre esperar a vindeiras edicións para ver se a tendencia se confirma. O que si queda constatado é que son os ámbitos do audiovisual e da edición de libros os que en maior medida logran penetrar nos mercados internacionais. Ademais, o 24,3% das empresas e entidades do sector cultural galego realizou en 2024 accións dirixidas a incrementar a súa produción ou venda fóra de España. Con todo, aínda que a cifra é un 1% superior á de 2023, fica lonxe do valor máis alto da serie temporal, que se rexistrou en 2022.
As actuación das administracións
Os xestores culturais, igual que nas edicións anteriores, volven suspender a actuación das diferentes administracións. A Administración do Estado recibe unha puntuación de 3,21 puntos; a autonómica, 4,28; e a local (concellos e deputacións provinciais), 4,54. Ademais, esta última é a única das tres administracións que mellorou levemente a súa puntuación. En xeral, “o sector cultural considerou claramente mellorable o apoio prestado polas institucións” asegura o documento.