Especial - Centro Gallego de Rio de Janeiro. Xoves, 29 de maio de 2025

Centro Gallego de Rio de Janeiro

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Centro Gallego de Rio de Janeiro

Río de Xaneiro (1900-1943)

Xoves, 29 de maio de 2025
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Centro Gallego de Rio de Janeiro

Río de Xaneiro (1900-1943)

consellodacultura.gal
A finais do século XIX, Río de Xaneiro era xa unha cidade tropical de contrastes, fascinante e en continua transformación. Situada ao pé da baía de Guanabara, ofrecía unha paisaxe única, entre morros verdes e praias de area branca. Foi capital do Brasil ata 1960 e un lugar onde convivían, coa poboación autóctona, culturas estranxeiras moi diversas. Entre elas atopábanse os inmigrantes españois e os galegos xogaban tamén un papel protagonista, xunto aos numerosos portugueses, italianos, alemáns, libaneses ou xudeus sefardís. Todos eles contribuíron a configurar o tecido urbano, no que se ían erguendo asociacións étnicas de axuda mutua, así como culturais e recreativas.
Aínda que a vida na cidade non era doada para a maioría dos galegos e galegas —nun contexto migratorio marcado por unha maior participación masculina—, a creación deste tipo de centros permitiulles construír espazos de comunidade, manter viva a lingua e as tradicións culturais de Galicia e crear tamén ámbitos de reflexión que contribuíron á prosperidade desexada para a súa terra natal. Deste xeito, en 1899, un grupo de galegos emigrados a Río de Xaneiro decidiu unirse coa intención de dar forma á idea de crear unha sociedade que servise de referente para a colectividade galega residente no Brasil, co fin de fomentar a unión fraternal, dispensar asistencia e ofrecer auxilio material aos paisanos que puidesen atravesar momentos difíciles de distinta natureza.
Nas primeiras reunións preparatorias barallouse a posibilidade de denominar a entidade como “Centro Galaico de Rio de Janeiro”. Porén, finalmente optouse polo nome de “Centro Gallego de Rio de Janeiro”. A súa fundación oficial tivo lugar o 1 de xaneiro de 1900 e, segundo diversas fontes, a súa orixe deriva das axitadas diverxencias entre os membros do Casino Español (1880).
Entre o grupo de impulsores figuraban Manuel Núñez Martínez, Telmo Veloso e José Fariña Rilo. Un persoeiro destacado do movemento rexionalista galego, particularmente no seo da colectividade asentada en Río de Xaneiro, foi Matías Fernández Murias. Participou activamente na Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega no Brasil e exerceu como corresponsal da Liga Gallega. A súa traxectoria converteuno nunha peza clave no proceso de creación da entidade que hoxe nos ocupa, que o recoñeceu nomeándoo Presidente Honorario.
A composición desta sociedade de emigrantes galegos era bastante diversificada, tal como se pode apreciar nos libros de actas que presentamos neste especial. Entre os socios iniciadores que presidiron as primeiras xuntas directivas figuraban: Bautista Segundo Iriarte, José Luis Diz, Serafín González Nogueira, José Blanco Ameijeiras, Manuel Fernández Domínguez, José Ramos Piñeiro ou Manuel García Rivas.
O voceiro do Centro Gallego de Rio de Janeiro levaba por título El Correo Gallego. Semanario independiente de Intereses Generales. Fundado en 1903, foi dirixido por Antonio de la Cuesta, con Manuel García Rivas como administrador e José Luis Diz como xerente. O seu contido abordaba asuntos directamente relacionados coa entidade, como as convocatorias das asembleas de socios, as memorias anuais presentadas nesas xuntanzas ou os resultados das eleccións dos novos membros das xuntas directivas. A lingua predominante era o castelán e incluíanse novas sobre a emigración e retratos de personalidades destacadas da colonia galega. Na súa sección “Sociedades” detallábanse acontecementos máis salientables, actividades culturais e recreativas a beneficio da caixa social, ingreso de novos socios etc. Aparte das festas campestres e excursións a Copacabana e Ipanema, este xornal anunciaba a celebración quincenal que, polo xeral, consistía na representación teatral do seu Grupo Dramático. Na sección “Personas buscadas” facíanse públicos os datos daqueles emigrantes aos que os seus familiares tentaban localizar desde Galicia.
O labor educativo da entidade materializábase mediante as “Escuelas nocturnas del Centro Gallego” dirixidas por Jesús Muíños e Carmelo Seoane. As clases eran gratuítas para os socios do Centro Gallego e para os da Sociedade de Beneficencia Española (1859). Eran impartidas todos os luns, mércores e xoves, das 21.00h ás 23.00h; na Rúa da Constituçao, 30-32. A sociedade tivo varias sedes ata que adquiriu en propiedade un terreo na rúa do Rezende, onde finalmente se construíu un espléndido edificio.
O Centro Gallego de Rio de Janeiro mantivo a súa actividade durante catro décadas. Porén, as diverxencias políticas entre varios grupos de socios debilitaron a imaxe da sociedade fronte ao goberno do presidente Getúlio Vargas, quen finalmente concluíu que non se trataba dunha institución estranxeira con fins benéficos e, polo tanto, debía desaparecer.

DOCUMENTACIÓN ATOPADA NO ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA
- Libro de Actas de reunións preparatorias para a súa fundación. Asembleas e Sesións da Xunta Directiva (1899-1909)
- Libro de Actas da Xunta directiva (1899-1901)
Unidade documental composta 02 - Libro de Actas da Xunta directiva (1899-1901)

- Libro de Actas das reunións da Xunta Directiva (1901-1904)
- Estatutos do Centro Gallego de Rio de Janeiro (1930)
- Libro de Actas das asembleas do Consello Deliberativo (1938-1942)
- Empréstito interno para a construción do edificio social do Centro Gallego de Rio de Janeiro (1921)
- Libro de visitas ao Centro Gallego de Rio de Janeiro (1926-1938)
 
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Centro Gallego de Rio de Janeiro
Río de Xaneiro (1900-1943)
Data de publicación
Xoves, 29 de maio de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)