NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do “Centro Gallego do Rio de Janeiro”

En 1899 un grupo de galegos emigrados ao Río de Xaneiro decidiu unirse coa intención de crear unha sociedade que servise de referente para a colectividade galega residente no Brasil. Constituíronse un ano máis tarde baixo o nome “Centro Gallego do Rio de Janeiro”. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.

A sociedade foi creada, tal e como figura na documentación posta en rede, para “fomentar a unión fraternal, dispensar asistencia e ofrecer auxilio material aos paisanos que puidesen atravesar momentos difíciles de distinta natureza”. Foi impulsada por Manuel Núñez Martínez, Telmo Veloso e José Fariña Rilo, malia que tamén tivo un peso destacado Matías Fernández Murias, que o recoñeceu nomeándoo Presidente Honorario.

Nesta entrega do proxecto engádense os libros de actas, que permiten ver a diversificada composición desta sociedade de emigrantes. Entre os socios iniciadores que presidiron as primeiras xuntas directivas figuraban: Bautista Segundo Iriarte, José Luis Diz, Serafín González Nogueira, José Blanco Ameijeiras, Manuel Fernández Domínguez, José Ramos Piñeiro ou Manuel García Rivas.

O voceiro do centro chamábase El Correo Gallego. Semanario independiente de Intereses Generales. Foi fundado en 1903, dirixido por Antonio de la Cuesta, con Manuel García Rivas como administrador e José Luis Diz como xerente. O seu contido abordaba asuntos directamente relacionados coa entidade, como as convocatorias das asembleas de socios, as memorias anuais presentadas nesas xuntanzas ou os resultados das eleccións dos novos membros das xuntas directivas. A lingua predominante era o castelán e incluíanse novas sobre a emigración e retratos de personalidades destacadas da colonia galega. Na súa sección “Sociedades” detallábanse acontecementos máis salientables, actividades culturais e recreativas a beneficio da caixa social, ingreso de novos socios etc. Aparte das festas campestres e excursións a Copacabana e Ipanema, este xornal anunciaba a celebración quincenal que, polo xeral, consistía na representación teatral do seu Grupo Dramático. Na sección “Personas buscadas” facíanse públicos os datos daqueles emigrantes aos que os seus familiares tentaban localizar desde Galicia.

O labor educativo da entidade materializábase mediante as “Escuelas nocturnas del Centro Gallego” dirixidas por Jesús Muíños e Carmelo Seoane. As clases eran gratuítas para os socios do Centro Gallego e para os da Sociedade de Beneficencia Española (1859). A sociedade tivo varias sedes ata que adquiriu en propiedade un terreo na rúa do Rezende, onde finalmente se construíu un edificio.

Mantivo a súa actividade durante catro décadas pero as diverxencias políticas entre varios grupos de socios debilitaron a imaxe da sociedade fronte ao goberno do presidente Getúlio Vargas, quen finalmente concluíu que non se trataba dunha institución estranxeira con fins benéficos que motivou a súa disolución.

O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O Arquivo da Emigración Galega puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.

Entre os últimos números subiuse documentación do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.