Encontro - A rega tradicional. 9 de xullo de 2025

A rega tradicional

Comunidades e patrimonio cultural inmaterial Encontro

A rega tradicional

9 de xullo de 2025
Santiago de Compostela
Encontro
Comunidades e patrimonio cultural inmaterial

A rega tradicional

9 de xullo de 2025 Santiago de Compostela
As comunidades labregas desenvolveron en Galicia sistemas complexos de xestión da auga creando sistemas hidráulicos adaptados a cada lugar e xestionados, de maneira formal ou informal, polos veciños de cada aldea. Malia que estes sistemas exerceron unha fonda influencia na construción do noso territorio; malia que permaneceron, uns vivos e outros fosilizados, nas nosas paisaxes, e malia que manteñen un gran valor ambiental e continúan a ser importantes para un modelo sostible de uso da terra, esta relevancia apenas se acompañou cun traballo de investigación, localización, identificación, salvagarda e reactivación.

No ano 2023 inscribiuse na Lista representativa de patrimonio cultural inmaterial da humanidade da UNESCO a «Rega tradicional: coñecementos, técnica e organización» en Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Os Países Baixos e Suíza. Destácase nesa inscrición que estes sistemas requiren un profundo coñecemento da paisaxe natural, do fluxo da auga a das condicións climáticas e unha estreita cooperación entre os encargados da distribución da auga, e que son marcadores identitarios importantes. Na actualidade, España, Francia e Portugal están a elaborar unha candidatura conxunta para a ampliación desa inscrición.

O Consello da Cultura Galega programou este encontro sobre a rega tradicional, no que convidamos a participar a todas as comunidades que están a regar e a manter os sistemas tradicionais ou que están traballando na súa recuperación. O obxecto desta convocatoria é dar a coñecer a importancia dos sistemas de rega tradicional que se empregaron para a repartición da auga, que en moitos lugares continúan activos, e abrir un espazo destinado a que as comunidades expoñan e poñan en común os problemas e dificultades que atopan para mantelos ou recuperalos, así como saber de que xeito o están facendo e que tipo de apoios e medidas consideran necesarios para poder continuar.

Contaremos con José Mª Martín Civantos, director do MEMOLab (Laboratorio de Arqueología Biocultural) da Universidad de Granada, e con Ángeles Santos Vázquez, autora dunha tese sobre a xestión da auga e a súa influencia na construción do territorio galego (2020), que colaboran na candidatura UNESCO. Ademais acompañarannos Sergio Pereira Ibáñez (NOSO Cooperativa) e Alberte Román Losada (Trespés Cooperativa), dúas persoas con ampla experiencia no traballo coas comunidades no recoñecemento e identificación dos valores destes sistemas de xestión da auga.
Ficha técnica 
Encontro
Comunidades e patrimonio cultural inmaterial
A rega tradicional
Cando
9 de xullo de 2025
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Coordinación
Ana Estévez Lavandeira
Teresa Nieto Freire
Ángeles Santos Vázquez
Relator/a
José Mª Martín Civantos
Víctor Padrón Carbajal
Modera
Sergio Pereira Ibáñez
Alberte Román Losada
Ángeles Santos Vázquez
Presenta
Rosario Álvarez
Teresa Nieto Freire
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)

Imaxe da portada: Colección Cartográfica e Iconográfica do Arquivo do Reino de Galicia