NOTICIA

----

Unha xornada analiza a galeguización da Igrexa no centenario do nacemento de Alfonso Zulueta

Igrexa e lingua na Transición é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) analizará, o vindeiro 23 de abril, os movementos e iniciativas a prol da galeguización da Igrexa neste período. A xornada é tamén unha homenaxe a figuras como Alfonso Zulueta de Haz, cando se fan cen anos do seu nacemento, quen tivo un papel destacado na tradución da Biblia ao galego. A cita, coordinada por Silvestre Gómez Xurxo, ten aberta a súa inscrición.

A xornada arrincará cunha intervención do coordinador da xornada, Silvestre Gómez Xurxo, na que falará sobre o desafío da tradución da Biblia, unha iniciativa na que o expresidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz, tivo un papel moi destacado. O propio Zulueta deixou escrito na nota editorial á terceira edición da Biblia: “Botando unha ollada cara atrás xorde o camiño percorrido desde o ano 1973 no que un grupo de laicos […] integrantes da Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos (SEPT) decide abordar esta singular publicación a pesar da súa complexidade e dificultades de todo tipo. Mais para aqueles laicos era preciso asumir a responsabilidade da publicación en galego dos textos sagrados, dando expresión á mensaxe cristiá na propia lingua, á que tamén había que prestixiar e defender”.

A continuación, o teólogo e un dos máximos impulsores do proxecto que permitiu publicar catro edicións da Biblia en galego, Xosé Fernández Lago, ofrecerá un relatorio titulado “A palabra de Deus achégase á nosa xente”. Continuará a sesión cunha intervención do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Lois Ferradás Blanco titulada “Coloquios e romaxes”, e outra de Pilar Wirtz Molezún sobre “A lingua no Concilio Pastoral de Galicia”. A última intervención, previa a un coloquio de todos os relatores co público, será a do teólogo Andrés Torres Queiruga, que falará sobre a revista Encrucillada.

Alfonso Zulueta de Haz
A cita serve tamén de homenaxe á figura de Alfonso Zulueta de Haz no centenario do seu nacemento. Notario e intelectual galego, Zulueta foi o fundador e o primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969) e do Partido Galego Social-Demócrata (1974-1978). Persoeiro destacado do Partido Galeguista, foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao. Foi presidente do Consello da Cultura Galega entre 2002 e 2006.


O contexto
A xornada enmárcase na liña de acción do CCG de prestar atención aos fenómenos culturais xurdidos na Transición e así, dedícase unha sesión a analizar a situación do galego e a Igrexa neste período, un momento marcado polo impacto do Concilio Vaticano II, que supuxo na sociedade e tamén na Igrexa o espertar dun mundo de inquedanzas. Entre elas, produciuse un impulso da lingua galega na Igrexa, canalizado a través de diversos movementos e iniciativas a prol da galeguización que tiveron relevancia e se constituíron na manifestación da nova conciencia que naceu na Igrexa galega. Xesús Ferro Ruibal analizou estes asuntos na publicación A igrexa e lingua galega, na que afirmou que “anque a estructura eclesiástica está como pasmada ante a cuestión da lingua galega”, sería “inxusto non certificar a existencia dun cristianismo galeguista”.