A xornada arrincou cunha intervención do coordinador da xornada, Silvestre Gómez Xurxo, que falou sobre o desafío da tradución da Biblia, unha iniciativa en que o expresidente da institución Alfonso Zulueta de Haz tivo un papel moi destacado. O propio Zulueta deixou escrito na nota editorial á terceira edición da Biblia: “Botando unha ollada cara atrás xorde o camiño percorrido desde o ano 1973 no que un grupo de laicos […] integrantes da Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos (SEPT) decide abordar esta singular publicación a pesar da súa complexidade e dificultades de todo tipo. Mais para aqueles laicos era preciso asumir a responsabilidade da publicación en galego dos textos sagrados, dando expresión á mensaxe cristiá na propia lingua, á que tamén había que prestixiar e defender”.
Sobre esa idea profundou aínda máis o teólogo e un dos máximos impulsores do proxecto que permitiu publicar catro edicións da Biblia en galego, Xosé Fernández Lago. Destacou a importancia de traducir a Biblia ao galego porque “os fillos da terra galega, segundo podemos, nos diriximos a Deus nesa lingua”. Lembrou tamén o proceso, que se fixo desde as linguas orixinais, hebreo, grego e arameo: “O texto resultante leva unhas introducións, abondas notas a pé de páxina, uns índices e uns mapas. A priemira edición, por quererlla entregar ao papa Xoán Paulo II na súa visita a Santiago no ano 1989, non se revisou facendo segundas probas e, como consecuencia, houbo moitos erros”. Con todo, aquel traballo foi merecedor do Premio Nacional de Tradución. “Desde aquela edición ata a cuarta, presentada xa en diversas sedes diocesanas, fixéronse moitas correccións, tanto nas introducións como nas notas e nos índices e mapas”, puntualizou.
Lago lembrou que para iniciar a tradución da Biblia ao galego comezaron a moverse un grupo de galeguistas, entre os que se atopaban algúns especialistas na Biblia. Foi fundamental o apoio da Editorial SEPT e tamén o da Xunta de Galicia e dos bispos galegos. Agora mesmo conta cunha cuarta edición xa moi revisada, que definiu como “impecable”.
Despois, o profesor da USC Lois Ferradás Blanco fixo un repaso dunha serie de movementos, sucesivos no tempo e con acentos diferentes, conectados entre si por medio dos seus protagonistas, que na súa opinión “representan o compromiso máis sostido e consecuente a favor da lingua galega na Igrexa católica”. Na súa intervención lembrou o contexto eclesiástico e social no que xurdiron “os Coloquios Galegos de Parroquias (os Europeus)”, que definiu como “un movemento renovador na Igrexa galega desde o ano 1966 ata 1987, con grande influencia”. Tamén insistiu nos nomes propios e nas achegas da asociación Irimia, posta en marcha en 1978, que conta cunha publicación semanal propia, con abundantes materias divulgativos, coa Romaxe de Crentes Galegos e con outros encontros que aínda se manteñen.
Por último, Pilar Wirtz Molezún falou sobre a lingua no Concilio Pastoral de Galicia e pechou o encontro o teólogo Andrés Torres Queiruga cunha revisión do significado e alcance da revista Encrucillada.
Alfonso Zulueta de Haz
A cita serviu tamén de homenaxe á figura de Alfonso Zulueta de Haz no centenario do seu nacemento. Notario e intelectual galego, Zulueta foi o fundador e o primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969) e do Partido Galego Social-Demócrata (1974-1978). Persoeiro destacado do Partido Galeguista, foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao. Ademais, foi presidente do Consello da Cultura Galega entre 2002 e 2006.
O contexto
A xornada sitúase no marco da liña de acción do CCG de prestar atención aos fenómenos culturais xurdidos na Transición e dedica unha sesión a analizar a situación do galego e a Igrexa neste período, un momento marcado polo impacto do Concilio Vaticano II, que supuxo na sociedade e tamén na Igrexa o espertar dun mundo de inquedanzas. Entre elas, houbo un impulso da lingua galega na Igrexa, canalizado a través de diversos movementos e iniciativas a prol da galeguización que tiveron relevancia e se constituíron na manifestación da nova conciencia que naceu na Igrexa galega. Xesús Ferro Ruibal analizou estes asuntos na publicación A igrexa e lingua galega, na que afirmou que “anque a estructura eclesiástica está como pasmada ante a cuestión da lingua galega”, sería “inxusto non certificar a existencia dun cristianismo galeguista”.