Nado en Pontevedra, Joaquín Pintos destacou na fotografía galega polo tratamento da monumentalidade, o retrato de figuras ilustres da política e das letras e as reportaxes de natureza xornalística. Estas últimas son un reflexo da Galicia de comezos do século XX, con temáticas como as manifestacións obreiras e mitins galeguistas dos anos 1930, as protestas mariñeiras na ría pontevedresa ou o grande evento que supuxo a visita da parella real de Alfonso XIII e a raíña María Cristina á vila de Marín.
A relevancia deste artista, dende hoxe parte do Álbum de Galicia do CCG, tivo tamén exemplos na prensa da súa época. Dende os vinte anos colaborou con cabeceiras como Vida Gallega, ABC, El Pueblo Gallego, Vida Gráfica ou La Vanguardia. Foi cronista gráfico de lugares como as minas de volframio en Vila de Cruces, en cuxas imaxes pode verse o traballo nestas despois da Guerra Civil, realizado en parte por presos políticos. Hai neste traballo “un tenebrismo barroco coa iluminación expresionista, incrementando así o dramatismo dunha realidade por ela mesma cruel” remarca Vítor Vaqueiro na entrada.
Fotógrafo dende os trece anos, Pintos situou o seu estudo no número 31 da rúa Michelena, en Pontevedra. Foi un lugar coñecido polo luxoso material e polos retratos de personalidades destacadas da vida pontevedresa que pendurou nas súas paredes como foron Castelao, Montero Ríos e a súa dona, Avelina Iglesias, entre outros.
Traballou como artista en varias temáticas, sendo un fotógrafo que tamén cultivou en Galicia o pictorialismo, “definido pola utilización da alegoría, os procedementos simbólicos e a combinación de negativos”, destaca Vaqueiro na entrada do Álbum de Galicia. Este punto de vista foi relevante na adaptación que o pontevedrés fixo do poema A Virxe do Cristal, un relato visual dos versos de Manuel Curros Enríquez, para o cal se tivo que desprazar a Celanova. Este conxunto de dezaseis fotografías, compaña das dez partes do texto literario, mereceulle o Premio de Honra do Concurso Rexional de Fotografía da Coruña en 1922.
Esta temática con atención na “figura e composición”, subliña Vaqueiro, terá continuación no tempo, xa que, en 1957, o fotógrafo pontevedrés tratou dun xeito propio a temática relixiosa da Paixón e a cultura literaria da España do Século de Ouro, con imaxes acompañadas de poemas de frei Luís de León ou Lope de Vega.
Dentro desta nova entrada do Álbum de Galicia as persoas que accedan poderán atopar recursos textuais e audiovisuais sobre a vida e obra de Joaquín Pintos, entre os cales están unha serie de fotografías do autor do Museo de Pontevedra e diversos enfoques sobre o artista en varios medios galegos, ademais do acceso a unha tese de doutoramento sobe o personaxe e demais espazos web complementarios da vida deste persoeiro pontevedrés.
Álbum de Galicia
O Consello da Cultura Galega relembra e mantén viva no dixital a imaxe, palabras e biografías dos persoeiros que aparecen no Álbum de Galicia, un proxecto que se iniciou en xaneiro de 2020 no que as figuras destacadas da sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa de Galicia teñen cabida. Ten como finalidade aportar luz sobre as vidas dos homes e mulleres, xa finados, que co seu traballo contribuíron dalgún xeito á sociedade do país ao longo da historia. Trátase, en moitos casos, de grandes descoñecidos para o grande público dentro e fóra de Galicia. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 738 entradas, das cales as máis recentes son as de Daniel Cortezón, José Torres Creo, Concha Castroviejo, José Rodríguez González e Isidro B. Maiztegui.
Os perfís biográficos deste Álbum de Galicia están construídos a partir do material documental, as referencias bibliográficas e contidos multimedia que amplían e permiten coñecer a vida e obra das persoas biografadas, amén da produción intelectual que existe sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas na materia destacada da figura salientada e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Este Álbum permite un acceso ao contido dixitalizado dos fondos do CCG en relación cos persoeiros destacados. Este Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.