Esta actualización do proxecto Seara inclúe relatos de Rafael Dieste, traducidos ao inglés por Jonathan Dunne, contos de Ramón Otero Pedrayo, con tradución de Kathleen March, e poemas de Chus Pato, traducidos por Erín Moure. Voces masculinas e femininas, así como textos clásicos xunto con outros máis contemporáneos, en prosa e tamén en verso para completar este proxecto que se presentou publicamente hai un ano. “Otero Pedrayo ofrece, como en toda a súa obra, unha imaxe da perspectiva rural da cultura do século XIX, a miúdo con diferenzas de clase; Dieste tamén presenta moitas veces o rural cunha dose do sobrenatural; a poesía de Pato é testemuño da capacidade da lingua galega de ser sutil á vez que complexa” asegúrase no texto de presentación desta entrega.
Abre esta edición Chus Pato (Ourense, 1955), unha das máis destacadas poetas contemporáneas galegas que acaba de recibir o Premio nacional de poesía. A súa produción poética, que explora as fronteiras dos xéneros, ten recibido numerosos recoñecementos, como o Premio da Crítica da poesía galega por Hordas de escritura (2008), o premio Losada Diéguez en dúas ocasións por Nínive (1997) e Hordas de Escritura (2009) ou o premio Clara Campoamor (2018). Ofrécese unha escolma da súas obras Urania (2016), Heloísa (1994), Frascinio (2010), Nínive (1996), Ponte das poldras (segunda edición, 2006), Charenton (2004), Hordas de escritura (2008), Carne de Leviatán (2013) e Un libre favor (2020) . Tamén se inclúe un recitado a cargo de Nora Abad.
Séguelle o escritor, poeta, dramaturgo e ensaísta fundamental na literatura galega do século XX, Rafael Dieste (1899-1981), que tentou modernizar o sistema literario galego distanciándoo do ruralismo. Cultivou teatro, narrativa e especialmente relato. Con el preténdese vencellar coas vangardas literarias escollendo unha escolma de fragmentos da súa obra Dos arquivos do trasno. Ademais, ofrécese un recitado de audio de tres textos “Sobre da morte do Bieito / O vello que quería ver o tren / O neno suicida” realizada por Nora Abad.
Completa esta entrega Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), unha das grandes figuras da Xeración Nós, o afamado grupo que nas décadas de 1920 e 1930 incorporaron a cultura galega á alta cultura do seu tempo. Literato, xeógrafo e ensaísta, retratou na súa literatura o ocaso da fidalguía e do vello mundo rural. Súbense tres textos dos Contos do camiño e da rúa, (“A Serea”, “A criada” e “O fidalgo”) que tamén se presentan en audio na voz de Luis Iglesia.
Sobre o proxecto
No Día Internacional da Tradución de 2023, a presidenta, Rosario Álvarez, e a coordinadora deste proxecto, Kathleen March, presentaron publicamente este proxecto web que xunta textos literarios coas súas correspondentes traducións inglesas. Un proxecto colaborativo que tomaba o seu nome da paisaxe tradicional galega, xa que a seara, ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, eran traballadas comunitariamente por diferentes familias que participaban con cadansúa leira.
Kathleen Nora March e DoloresVilavedra son as coordinadoras deste proxecto para o que se constituíu en 2022 unha comisión técnicas temporal formada por Neil Anderson, Óscar Cardoner Sebio, Jonathan Dunne, Ana Luna, Erin Moure, Keith Payne, Jacob Rogers e Rocío Viéitez Ferro. Todos eles profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da tradución que validan os nomes e os contidos que se incorporan.
Daniel A. Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Eduardo Pondal, Claudio Rodríguez Fer, Emma Pedreira e Luísa Villalta son os autores cos que comezou este proxecto ao que hoxe se suman tres novas figuras.