NOTICIA

----

A institución reforza o seu carácter asesor con dous foros participativos

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que a súa presidenta, Rosario Álvarez, detallou as liñas de programación para 2025. Destaca a posta en marcha dun gran foro participativo que ofreza propostas perante os recentes datos sobre a situación da lingua, a celebración do Ano Castelao e o Día das Letras Galegas, así como o mantemento das liñas de acción habituais. A institución estatutaria realizou en 2024 un centenar de actividades, 18 publicacións e 55 documentos de asesoría entre estudos e informes de impacto ambiental e Bens de Interese Cultural (BIC). Ademais, aprobouse a incorporación da matemática Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) á Comisión Executiva como secretaria. Ao plenario asistiu o Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Os orzamentos do Consello da Cultura Galega para o ano 2025 ascenden a 3.333.267 euros, un 3,95 % máis con respecto ao ano anterior. Con ese orzamento, a presidenta perfilou as liñas de programación que se aprobaron en sesión plenaria o pasado 23 de outubro e detallou a programación do primeiro trimestre. No marco do cumprimento do seu mandato fundacional, a institución mantén a súa liña habitual de asesoría con informes e documentos, que este ano se ve reforzada con dous grandes foros de traballo de carácter participativo que se estenderán ao longo de todo o ano. O primeiro deles, titulado “Foro participativo: un país coa súa lingua”, arrinca este mes de xaneiro e culminará en novembro coa presentación pública dun documento con propostas sobre a situación lingüística. En marzo poñerase en marcha un segundo proceso, encamiñado a ofrecer unha diagnose da situación de acceso á cultura da cidadanía galega. Ademais, tamén se fará público un amplo informe que analiza a situación dos museos e outros centros deste tipo en Galicia, así como unha xornada de estudo das necesidades dos espazos de creación vinculados ás artes do movemento.

Primeiro trimestre
O pasado martes comezaba o Ano Castelao cun acto impulsado por esta institución, en colaboración co Museo do Pobo Galego e a Fundación Castelao. É o punto de partida dunha liña de conmemoración, encamiñada a actualizar e visibilizar o legado do autor de Os dous de sempre. Xa está accesible o espazo web coordinado polo CCG que servirá para centralizar e difundir as iniciativas organizadas polas diferentes entidades participantes. Así mesmo, a institución creou apartado no seu sitio web para dar conta dos materiais que custodia arredor da súa figura. Entre elas, a actividade do vindeiro 16 de xaneiro na que se afondará na conexión entre o gaiteiro Avelino Cachafeiro, que foi debuxado por Castelao. Neta cita, Rubén Troitiño explorará a vida do recoñecido gaiteiro, dende os seus comezos na aldea de Soutelo de Montes ata a súa emerxencia como unha icona da música galega, e o periodista Siro López abordará a faceta do Castelao viñetista, con especial atención á simbólica imaxe do gaiteiro.

No primeiro trimestre están programadas unha trintena de actividades que atenderán a cuestións diversas como o proxecto Xenoma, o fonógrafo, o I Encontro de Cine e Educación Secundaria, ademais dunha xornada que pon en diálogo a cultura galega coa irlandesa. Haberá novas sesións dos ciclos habituais (Pensarmos, Arte en Tempo real, In situ, Encontros Monográficos co patrimonio cultural) e manteranse os proxectos de difusión dos fondos documentais (Proxector, Caligrafías, Álbum de Galicia, A Saia, Sextina...).

Balance de actividade de 2024
No ano 2024 realizáronse 97 actividades, un 20% máis que en 2023. Houbo xornadas, presentacións, foros, ciclos e mesas de debate nos que se prestou atención á realidade cultural. Entre as novidades deste ano destacou o ciclo Arte en tempo real encamiñado a analizar a situación actual da arte contemporánea na voz dos seus protagonistas. Luisa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas desta edición, estivo presente nas liñas de programación, cunha publicación de homenaxe, o tradicional Concerto das Letras Galegas, un recital poético e a través de varias xornadas que permitiron afondar no seu legado.

Neste ano desenvolvéronse 8 exposicións en 34 itinerancias. En materia de asesoría, realizáronse 40 informes de impacto ambiental, tres informes para a tramitación de ben de interese cultural (BIC) e catro mais: un deles sobre arquitectura indiana; outro sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas en Palas de Rei e outro sobre o anteproxecto da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual. O Observatorio da Cultura Galega realizou o Barómero da cultura e 7 documentos de traballo.

En acción exterior desenvolvéronse 22 actividades de diferente formato en Brasil (Rio de Janeiro, Curitiva e Londrina), Portugal (Lisboa, Braga, Vilanova da Cerveira), Italia (Padua, Roma e Londrina) e no resto de España (Barcelona, Madrid, Castelló). Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos, como os últimos capítulos da serie Memoria do teatro galego na Transición ou o documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición.

Modificación da Comisión Executiva
Na sesión tamén se aprobou a incorporación de Elena Vázquez Cendón á Comisión Executiva, en calidade de secretaria. O actual secretario, Alejo Amoedo, mantense na mesma como vogal.

Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é licenciada e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Iniciou o seu labor docente na USC en 1987 en diferentes escolas universitarias e na actualidade é docente no grao de Enxeñaría Informática na ETSE e no máster en Matemática Industrial na Facultade de Matemáticas. É decana deste centro desde 2017.