A recente posta en marcha do Proxecto Xenoma Galicia serve de inspiración ao especial deste mes de Proxector, que xunta doce vídeos sobre o Proxecto, o ADN, o xenoma (o conxunto completo de xenes do noso organismo) e a revolución médica e tecnolóxica que supuxo o fito de lograr descifrar ao completo o noso “libro biolóxico de instrucións para a vida”.
Entre os vídeos seleccionados nesta entrega hai un da serie Dicionario da Ciencia, no que Déborah Vukusic nos fala dos xenes, dos elementos que determinan a aparición dos caracteres hereditarios nos seres vivos. Hai tamén tres vídeos que nos falan do cribado masivo de mostras de ADN para identificar determinados xenes implicados nos cancros de mama e ovario hereditarios, na hipercolesterolemia familiar e na síndrome de Lynch. Tres audiovisuais producidos polo Proxecto Xenoma Galicia que axudan a entender como este traballo permitirá implementar medidas preventivas, facer diagnósticos máis precisos e deseñar tratamentos personalizados. E sobre esta revolución científica que afecta a todas as especialidades médicas fala o galego Ángel Carracedo, director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e un dos xenetistas de referencia a nivel internacional, explica en que consiste a “medicina personalizada e de precisión”.
Neste número tamén se pode consultar un vídeo divulgativo, gañador do Premio Proxéctate en Galego da VII edicióndo Campus Científico de Verán XuvenCiencia, que nos introduce no mundo da xenómica, a través da presentación dun proxecto de investigación que consistiu na extracción e secuenciación de ADN procedente de células bucais, e no seu posterior estudo para tratar de identificar posibles mutacións.
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.