A nova entrada do Álbum de Galicia destaca que aínda que Lence-Santar é principalmente coñecido como historiador e cronista mindoniense, é autor de numerosas contribucións como etnógrafo ademais de creacións poéticas e narrativas en galego. Armando Requeixo tamén pon o acento en que foi “amigo e biógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro, compañeiro de Antonio Noriega Varela e entusiasta divulgador da súa obra, foi o primeiro cronista de Mondoñedo e autor de traballos que están na base da escrita do Álvaro Cunqueiro de raiceira máis popular, pois este último bebeu nos seus artigos e tirou deles proveito á hora de crear personaxes e sucesos dos seus volumes de retratos”.
Na entrada faise un percorrido exhaustivo sobre as múltiples facetas que tivo Lence-Sartar. Da súa faceta como historiador subliña que elaborou unha inxente produción en prensa, monografías e folletos ademais dunha vintena de libros entre os que destaca Del Obispado de Mondoñedo, editada en tres volumes entre 1911 e 1915. A súa vocación como folclorista quedou recollida na serie etnográfica «Folklore gallego», que publicou no xornal santiagués El Compostelano entre xaneiro de 1938 e agosto de 1941. Como poeta escribiu unha trintena de composicións que publicou na prensa local entre 1912 e 1932. “Na súa poesía salienta por riba de todo a presenza do mar, do mundo mariñeiro” afirma Requeixo na entrada. Foi menos prolífico como narrador, deixou media ducia de títulos que amosan unha prosa que, “de xeito resumido, oscilan entre aquelas que se inclinan por unha estrutura e contidos declaradamente costumistas, decote descritivos, e aqueloutras que se abren ao relato de temática social, sen perder de vista nunca a súa ancoraxe no contar oral e na recreación de usos e tipos populares”.
A entrada inclúe ligazóns a diferentes espazos web con información biográfica, así como artigos de Antonio Reigosa e José de Cora.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 756 entradas, das cales as máis recentes son as de Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro, Aurora Sampedro, Jose Luis Pensado Tomé, Tuto Vázquez ou Xaquina Trillo. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.


