----

Un informe reclama estabilidade, coordinación e recursos para os Servizos e Equipos de Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá a primeira análise dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) que levan case tres décadas operando en Galicia. O informe fixose público no marco dos XXVII Encontros para a normalización lingüística do CCG que inauguraron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e unha das coordinadoras dos Encontros, Ana Iglesias. O informe conclúe que estes dispositivos públicos son esenciais para a promoción social do galego, pero funcionan cunha notable desigualdade territorial. Tamén constata a escaseza de orzamentos e a dependencia do voluntarismo. Ademais, revela que a maioría dos SNL contan cunha soa persoa técnica, que o 47,2 % carece de orzamento propio, e que os EDLG traballan con recursos moi limitados e escaso apoio institucional. O documento xa se pode consultar desde o web da institución.

Ambas as dúas figuras funcionan “grazas á profesionalidade e ao compromiso das persoas que as integran, mais precisan estabilidade financeira, mellor gobernanza e coordinación efectiva para garantir a continuidade da política lingüística de proximidade”, recolle literalmente o documento. O estudo analiza máis de medio cento de SNL e 420 equipos de dinamización.

Con respecto aos SNL, detecta unha rede consolidada pero desigual, con forte concentración na provincia da Coruña e escasa presenza nos concellos rurais. A media de funcionamento dos servizos é de 24,5 anos. A maioría dependen doutras áreas municipais (como Cultura ou Educación), e o 79,2 % nunca interromperon a súa actividade, o que evidencia a súa continuidade a pesar da falta de medios. Entre as principais debilidades sinaladas polos profesionais destacan a escaseza ou ausencia de orzamento (41,5 %) e a falta de valoración institucional (35,8 %). Os aspectos máis urxentes de mellora, segundo o propio persoal, son o aumento da dotación orzamentaria (4,29 sobre 5), o reforzo do compromiso político e da planificación estratéxica.

No ámbito educativo, os EDLG seguen a depender en boa medida do profesorado de Lingua Galega (44,4 %) e contan con equipos reducidos (seis docentes de media). A maior parte das actividades céntranse en efemérides, campañas e accións simbólicas. O estudo conclúe que “hai un desaxuste claro entre as horas asignadas ao coordinador ou coordinadora do equipo e as horas reais investidas, que son máis do dobre” e recolle a demanda dunha “maior anticipación e volume das axudas e máis coordinación interinstitucional”.

O estudo conclúe que o futuro da política lingüística de proximidade en Galicia pasa por reforzar a estrutura e a coordinación entre SNL e EDLG, garantir financiamento estable e formación específica, e facer visibles os seus resultados para a sociedade. “A existencia destes servizos é unha condición necesaria para que o galego manteña presenza real nas administracións e nos centros de ensino, pero sen apoio político e recursos adecuados, o seu impacto verase inevitablemente limitado”, advirte o informe.

Os Servizos de Normalización Lingüística
O estudo destaca que é unha rede consolidada pero moi desigual en Galicia. A maioría (81,1 %) pertencen á administración local —concellos e deputacións—, mentres que só un 5,7 % dependen da administración autonómica e un 7,5 % da Xustiza. O 16,9 % dos concellos galegos dispoñen dun servizo activo, con maior concentración na provincia da Coruña. A media de funcionamento é de 24,5 anos, e case oito de cada dez (79,2 %) non interromperon nunca a súa actividade, o que amosa estabilidade institucional malia a falta de medios. Conta cunha estrutura humana limitada (o 75,5 % dos servizos teñen unha soa persoa técnica e unha media de 1,49 persoas por servizo), ben cualificada (o 75,9 % conta con titulación en Filoloxía) e cunha antigüidade media de 17 anos.

En canto aos recursos, case a metade dos SNL (47,2 %) carece de orzamento propio, o que limita a súa capacidade de planificación. Sobre as funcións, o tempo de traballo distribúese principalmente entre asesoramento lingüístico (25,1 %), dinamización (20,4 %) e xestión administrativa (18,5 %). As actividades máis estendidas son as dirixidas ao lecer (69,8 %), á mocidade (69,8 %) e ás familias (64,2 %). Só o 11,3 % conta cun plan xeral de normalización e un 13,2 % carece de calquera instrumento de planificación. As principais fortalezas identificadas son a estabilidade e continuidade dos servizos e a proximidade á cidadanía, mentres que as debilidades máis destacadas son a escaseza de orzamento (41,5 %) e a falta de valoración institucional (35,8 %).

Os Equipos de Normalización
A maioría dos centros educativos galegos contan cun equipo que funciona con poucos recursos e de forma voluntaria. O peso principal recae no profesorado, especialmente no de Lingua e Literatura Galega (44,4 %), que coordina a maioría dos equipos.

O tempo de dedicación é moi limitado: en moitos casos redúcese a unhas poucas horas mensuais, e os orzamentos adoitan chegar a final de curso, apenas para cubrir actividades puntuais. Non existe unha estrutura estable nin formación específica para o persoal. A motivación principal dos coordinadores e coordinadoras é o compromiso persoal coa lingua (78,8 %), mentres que só unha minoría cita incentivos institucionais ou recoñecemento profesional. As actividades máis frecuentes son as efemérides, certames literarios, obradoiros de lectura, festivais culturais e iniciativas como o Programa Apego, todas con boa acollida pero escasa continuidade ao longo do curso.

En canto ás necesidades de mellora, o informe destaca a urxencia de estabilidade orzamentaria, apoio institucional real, formación específica e coordinación efectiva entre centros e administracións.