Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2010.- Expertos europeos reunidos nas “Xornadas de análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, celebradas no Consello da Cultura Galega, afirman que España debe corrixir as severas eivas no cumprimento dos preceptos da Carta, especialmente graves nos eidos da xustiza e do ensino. Así o poñen de manifesto nas conclusións do encontro nas que salientan, ademais, que "Galicia non debe dar pasos atrás na xa insuficiente protección do galego no ensino, segundo destacan os dous informes de cumprimento, e debe ofertar un modelo de ensino basicamente en galego e unha axeitada capacitación do profesorado que permita cumprir os compromisos adoptados coa ratificación da CELRM que agora son normativa interna vixente. Tan só o modelo de educación infantil de 0 a 3 anos cumpría as esixencias da Carta tal e como sinalou o Informe dos Expertos en 2008". Os especialistas insisten en que os poderes públicos deben adoptar medidas positivas de concienciación social da riqueza que supón o patrimonio lingüístico do Estado. Estas linguas, engaden, fan aos cidadáns que as falan "exemplos plurilingües da realidade europea". As xornadas, coordinadas por Alba Nogueira, profesora da USC e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, desenvolvéronse durante dous días no Consello da Cultura Galega e contaron coa participación de, entre outros expertos, Simone Klinge (Secretariado da Carta, Consello de Europa), Henrique Monteagudo (USC e CCG), Eduardo Ruíz Vieytez (Universidade de Deusto), Íñigo Urrutia (Universidade do País Vasco), Anna Pla (Universidade de Girona), Elizabeth Craig (Universidade de Sussex), Gwyn Parry (Swansea University), Robert Dunbar (Universidade de Aberdeen) ou Eva Pons (Universidade Autónoma de Barcelona). Contido íntegro das conclusións elaboradas polos expertos participantes nas “Xornadas de análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, celebradas no Consello da Cultura Galega os días 22 e 23 de febreiro de 2010: A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) aprobada polo Consello de Europa quere protexer a riqueza lingüística existente en Europa manifestada polas linguas rexionais e minoritarias faladas tradicionalmente nos seus territorios.
- O patrimonio cultural e lingüístico que supón a existencia desas linguas require medidas de non-discriminación por parte dos Estados ratificantes mais tamén unha acción positiva de apoio segundo os mandatos da Carta.
- A CELRM demanda a acción de protección das linguas tanto na vida pública como na privada coa adopción de medidas de potenciación no ensino, a xustiza, as administracións públicas, as actividades socio-económicas, a cultura ou os medios de comunicación.
- Os poderes públicos deben adoptar medidas positivas de concienciación social da riqueza que supón o patrimonio lingüístico que expresan o galego, o éuscaro, o catalán, o asturiano, o aragonés, o aranés, o portugués en Olivenza, o árabe e o bereber. Estas linguas fan aos cidadáns que as falan exemplos plurilingües da realidade europea.
- A participación da sociedade civil na detección dos incumprimentos da Carta tense revelado como unha ferramenta de mellora da protección das linguas rexionais e minoritarias.
- O Reino de España debe corrixir as severas eivas no cumprimento dos preceptos da Carta sinalados xa por dúas veces nos informes de avaliación, sendo especialmente graves os referidos á Administración de Xustiza –que non garante o desenvolvemento dos procesos xudiciais nas linguas propias en contra dos compromisos ratificados por España- e os do ámbito do ensino nas Comunidades Autónomas que non dispoñen de modelos educativos esencialmente nestas linguas.
- Galicia non debe dar pasos atrás na xa insuficiente protección do galego no ensino, segundo destacan os dous informes de cumprimento, e debe ofertar un modelo de ensino basicamente en galego e unha axeitada capacitación do profesorado que permita cumprir os compromisos adoptados coa ratificación da CELRM que agora son normativa interna vixente. Tan só o modelo de educación infantil de 0 a 3 anos cumpría as esixencias da Carta tal e como sinalou o Informe dos Expertos en 2008.

