NOTICIA

----

Ramón Villares: "Fernández del Riego foi o primeiro gran valedor das relacións entre Galicia e o exilio, entre Galicia e o exterior"

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, expresou o pesar da institución pola perda que para a cultura galega e para Galicia supón a desaparición de Francisco Fernández del Riego, a quen definiu como “exemplo a seguir” edestacou o seu papel de ponte entre Galicia e o exilio en América.<!--more-->

Alén da importante significación política, cultural, editorial e institucional de figura tan sobranceira do século XX en Galicia, Ramón Villares salientou especialmente o papel de Francisco Fernández del Riego como “gran valedor e pioneiro nas relacións entre a Galicia interior e a Galicia do exilio en América, coa que estableceu contacto directo e activo desde 1946. Foi un gran valedor da proxección exterior de Galicia”.

Aludiu asemade ao seu traballo no Consello da Cultura Galega, institución da que Fernández del Riego formou parte nos seus inicios (1983-1987) como membro electivo do Plenario, e fixo patente o seu recoñecemento, e o da institución, “á exemplar entrega total de Fernández del Riego á causa de Galicia, da súa lingua e da súa cultura”.