O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, aludiu á importancia da publicación deste "breve poemario que internacionalizou a literatura galega" e lembrou a circunstancia de cadrar a súa presentación no día do nacemento do poeta granadino (5 xuño 1898-19 agosto 1936).
María do Cebreiro referiuse aos "Seis poemas galegos" como "un clásico alófono da literatura galega" e louvou o que considerou "un rico e minucioso traballo de edición, un labor valioso porque honra a investigaciòn filolóxica".
Luís Pérez Rodríguez subliñou a importancia do poemario lorquiano para a literatura galega, "un feito de extraordinario interese pola universalidade do autor, magnificada polo seu tráxico asasinato, ocorrido o 19 de agosto de 1936, o mesmo día da morte do editor dos poemas, Ánxel Casal, en idénticas circunstancias". Salientou a importancia dos "Seis poemas galegos" que describiu como "intenso pórtico poético moderno para a nosa poesía" e lembrou as catro viaxes de Lorca a Galicia, sempre rodeado polos seus amigos galegos, entre os que Ernesto Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor "terían un protagonismo singular na publicación do poemario".
A edición incorpora tamén o facsímile dos textos da Editorial NÓS con anotacións manuscritas de Blanco Amor e dos orixinais autógrafos e apógrafos dos poemas de Federico García Lorca.


