----

Presentado o libro “Papés d´emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro “Papés d´emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”, editado en colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG). A publicación, de 570 páxinas, reúne boa parte dos traballos presentados no simposio celebrado en 2009. O volume continúa e completa o publicado en 2008 co título “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I)”. Trátase dunha “contribución notable ás historias de Galicia e do xornalismo, da lingua e da literatura galegas”, en palabras do editor Ramón Mariño e “dunha obra fundamental para a cultura galega”, na consideración de Xosé Ramón Barreiro Fernández, participantes na presentación xunto con Ramón Villares, presidente do CCG, Rosa Aneiros, editora do primeiro volume, e Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución e directora do ILG.

O editor deste segundo volume, Ramón Mariño, catedrático de Filoloxía Galega da USC, recordou que o proxecto de recompilación dos primeiros textos en galego das primeiras décadas do século XIX, xornalísticos ou non, puxérase en marcha no CCG en 2002 con criterio pluridisciplinar da man das contribucións de historiadores, expertos en xornalismo e filólogos. Resultado dese traballo colectivo foi a publicación en 2008 de “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I)”. O segundo volume, presentado hoxe, reúne catorce relatorios e estudos presentados no simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea” organizado polo CCG e o ILG en novembro de 2009 e celebrado no CCG e nas Facultades de Ciencias da Comunicación e Filoloxía. Mariño salientou a importancia da recuperación dos primeiros textos en galego e a contribución destes traballos á historia de Galicia e do xornalismo, á lingua e á literatura galegas. Agradeceu as colaboracións institucionais e subliñou especialmente a relevancia do “traballo decisivo” desenvolvido polo investigador Damián Suárez Vázquez, que canda él asinou o traballo “Novos textos e primeiras edicións de textos do Prerrexurdimento ata o de agora esquecidos ou ignorados”.

Rosa Aneiros, xornalista, escritora e coordinadora do primeiro volume, referiuse ao traballo desenvolvido pola Comisión Técnica de Prensa Histórica e ao particular empeño de Xosé López para avanzar no estudo das orixes do xornalismo en Galicia e en galego. Lembrou a dificultade derivada da localización de textos moi espallados e pouco visibles en diferentes espazos e bibliotecas e destacou a colaboración ofrecida pola Real Academia Galega. Subliñou asemade o feito de cumprírense agora douscentos anos da aparición, en 1812, do primeiro texto en galego, de Manuel Freire Castrillón, no xornal galego “Estafeta de Santiago”.

O profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández felicitouse por ter participado no que definiu como “unha aventura intelectual” e chamou a atención sobre o que considerou unha obra fundamental para a cultura galega. Apostou por continuar as investigacións no tempo para localizar e analizar textos e documentos en galego “que probarán que nos séculos oscuros escribíronse obras en galego que non foron publicadas e que amosarán que a conservación do idioma galego foi cousa do pobo, pero tamén da intelectualidade”.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, subliñou a relevancia e o bó resultado do enfoque e do traballo pluridisciplinar “que esta institución procura aplicar nos seus proxectos” e apostou tamén pola continuidade dos traballos que deron lugar ás dúas publicacións citadas. Referiuse asimesmo á coincidencia do bicentenario da primeira Constitucón Española (Cádiz, 1812) e o rescate dos textos galegos na procura da liberdade e citou o nome de Pardo de Andrade, un dos pioneiros do primeiro xornalismo galego.