----

Os XI Encontros para a Normalización Lingüística analizaron a participación social e a situación do idioma galego na emigración e entre os inmigrantes

Santiago de Compostela, 13 de febreiro, de 2009.- A derradeira xornada dos XI Encontros para a Normalización Lingüística analizou aspectos da participación social nas políticas lingüísticas institucionais, con especial referencia ao euskera e aos programas para emigrantes e inmigrantes. A conclusión principal indica que é moito o que queda por facer nunha “longa carreira de fondo”, segundo Xabier Mendiguren, ou que “a non normalización da lingua é o feito mais determinante na non adquisición dese idioma por parte dos inmigrantes”, como afirmou Jorge Javier Burgos.
Os Encontros, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, contaron coa asistencia de mais de cen expertos e técnicos dos servizos de normalización, e a intervención de catorce relatores.


<!--more-->
Xabier Mendiguren, do Kontseilua (Consello dos organismos sociais do euskara) abordou as experiencias desenvolvidas para a normalización dese idioma. Explicou que o Kontseilua é o punto de encontro de numerosas organizacións sociais con dúas liñas de traballo fundamentais: a cohesión entre esas organizacións e a implicación dos axentes sociais, os poderes económicos e os partidos políticos nos proxectos normalizadores. Referiuse aos obxectivos acadados, pero non deixou de recordar que ésta é unha carreira de fondo e expresou a súa preocupación “polas dificultades que para o proceso normalizador puidera representar unha hipotética coalición de socialistas e populares á fronte do Goberno vasco”.

EMIGRACIÓN-INMIGRACIÓN

A seguir analizouse a socialización da lingua galega nos centros de emigrantes no exterior con intervencións de Manuel Suárez, Manuel Blanco e Esther Olveira. Esta última, en referencia á emigración galega en Francia, afirmou que no caso os fillos nados no país de residencia nas últimas décadas “o interese polo galego rexurde como un elemento destacado como vehículo de comunicación e como elemento importante da formación tanto lingüística como sociocultural e mesmo educativa, feito que se observa na demanda de cursos e mesmo na proxección do galego nas universidades bretona e parisina”.

Sobre a inmigración e a adquisición da lingua en Galicia falaron Diana Priegue Caamaño, profesora da Universidade de Santiago, e Jorge Javier Burgos, Cónsul Honorario de Uruguai en Vigo. A primeira aludiu a un estudo que pon de manifesto diferencias na competencia lingüística entre a poboación inmigrante segúndo a súa procedencia étnico-cultural. “Para a poboación latina a posibilidade de empregar o castelán constitúe o principal atranco para aprender o galego. No caso dos africanos son as variables socioeducativas as que teñen unha maior incidencia na competencia lingüística”.
Para Jorge Javier Burgos “a situación actual de bilingüismo e, ainda peor, moitas veces de negación do galego, levan a non crear ningunha obriga para co galego por parte do inmigrante”. E engadiu: “Posiblemente a non normalización do galego sexa o feito con maior incidencia na non adquisición do idioma por parte dos inmigrantes”.

En calquera caso, uns e outros insistiron na necesidade de contar coa participación e o compromiso dos colectivos implicados para que os proxectos normalizadores non estean abocados ao fracaso.

Os Encontros, iniciados na mañá do xoves e celebrados no Consello da Cultura Galega, finalizaron coa intervención do contacontos Carlos Fernández Sanmartín e o seu espectáculo “Contos que non falten”.