Na súa intervención a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, referiuse á Constitución de Cádiz como un “sólido punto de partida para o modelo parlamentario que, co decorrer do tempo, alumeará o actual sistema democrático” e felicitouse pola iniciativa editorial do Consello da Cultura Galega, desenvolvida en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Roberto Blanco Valdés, autor do estudo introdutorio “A Constitución de 1812 e a primeira revolución liberal española”, aludiu ao carácter fundacional da “nación española” no sentido moderno do termo “nación” que presenta a primeira Constitución Española.
Ramón Máiz, autor do estudo “Soño de sombra: A idea da nación de ambos os dous hemiszerios e a hidra do federalismo”, salientou a forza do texto como “impulsor dos ideais democratizadores, unha peza esencial na historia da nosa liberdade”.
Ramón Villares falou dunha “obra auroral da nosa convivencia democrática” e subliñou os estudos introdutorios “que fan do libro algo máis que unha edición conmemorativa”, salientando a contribución de María de Lourdes Pérez González, membro do Corpo Facultativo de Arquivos e Bibliotecas, autora do estudo “A Constitución gaditana desde Galicia. Fontes bibliográficas e hemerográficas”, que abarca o legado recuperado e sistematizado dos anos 1808-1814 e que empata coas iniciativas do CCG sobre a recuperación da escrita galega, xornalística e política, nos primeiros tempos do liberalismo.
Agradeceu Villares especialmente a colaboración da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), naquela altura dirixida por Pablo Figueroa, presente no acto.
TRES CITAS INTRODUTORIAS
Ramón Villares: “As consecuencias da revolución política de Cádiz foron explícitas no seo da sociedade galega, que experimentou daquela un intenso proceso de socialización política e ideolóxica. Abonda pensar nas mobilizacións de carácter antiseñorial que se rexistran en diversas comarcas da provincia de Ourense, nomeadamente en Valdeorras, onde o decreto de abolición de señoríos de agosto de 1811 foi interpretado, en discursos e pasquíns, como “un decreto general para todos los señoríos”, eclesiásticos e laicos, solarengos ou xurisdiccionais. Esta admiración enfática pola obra lexisladora das Cortes gaditanas está tamén moi presente en textos políticos aparecidos daquela en xornais e publicacións autónomas, como é o caso d´Os rogos d´un gallego, da autoría de Manuel Pardo de Andrade, unha alegación demoledora contra a Inquisición e os seus ministros, alcumados de “secta do tizón” ou “demos tostadores” pola súa práctica de queimar os considerados herexes. Alén de textos emblemáticos como os de Pardo de Andrade, a revolución política gaditana alentou a aparición dunha conciencia cultural de carácter provincial, isto é, do Reino de Galicia, que supuxo o emprego moi significativo da lingua galega en canto fala popular”.
Foi xustamente a constatación da repercusión que “La Pepa” tivo no emprego da fala popular galega a que levou ao CCG “a ofertar a un lector galego actual esta versión na nosa prolpia lingua”, resolvendo unha carencia e subliñando ao tempo a data conmemorativa”.
Roberto Blanco Valdés: “A Constitución de 1812, coas súas extraordinarias novidades e as lóxicas limitacións nacidas do seu tempo e da súa concreta circunstancia. Supuxo, en suma, un punto de inflexión fundamental na nosa historia, na que moitos tratarían de recuperar despois, ao longo de case que dous séculos, bastantes dos avances dun texto esencial para entender a evolución constitucional dun país marcado a ferro e lume por unha infernal dialéctica de avances e retrocesos que soamente o gran consenso de 1978 foi capaz de superar”.
Ramón Máiz: “A Constitución de Cádiz non soamente foi unha das primeiras constitucións en sentido estrito da historia, senón que revestiu, ademais proporcións de verdadeira excepcionalidade, cando menos por dous motivos. En primeiro lugar, desde o punto de vista comparado, porque nunca con anterioridade “un corpo lexislativo reunira os seus membros procedendo de tan diversos lugares do globo ou pretendera gobernar territorios tan inmensos en Europa, América e Asia, tal diversidade de razas e tal complexidade de intereses”. En segundo lugar, desde o punto de vista das Españas, porque, ao enxergar un auténtico poder constituínte nun contexto de guerra e crise de lexitimidade, introduciu cambios de amplo alento revolucionario no sistema político da monarquía, certamente insólitos no panorama das posteriores constitucións monárquicas do século XIX. Nomedamente, postulando unha inédita centralidade do Parlamento, tal que os poderes do monarca se viron radicalmente minguados (veto suspensivo e non absoluto, falta de todo control -nin suspensión, nin disolución- sobre a reunión anual das Cortes, etc.) e, ademais, extremo este sobranceiro, propiciando no ámbito militar tanto a institucionalización dunhas forzas armadas nacionais, non Reais, como a creación dunha Milicia Nacional”.
Descarga da edición dixital:
www.consellodacultura.org/mediateca
Código QR para a descarga directa:
Descargue a edición facsimilar na Mediateca

