----

Congreso "Rosalía no século XXI". Xosé Ramón Barreiro e Catherine Davies subliñaron a dimensión libre, independente e transgresora da autora de “Cantares Galegos”

A dimensión libre, independente e transgresora da personalidade de Rosalía de Castro foi subliñada polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández e pola profesora da Universidade de Nottingham, Catherine Davies, na primeira sesión do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Doce investigadores e estudosos interviron nesta primeira sesión á que seguirán, a razón de unha por mes, outras catro, ata finais de xuño. No acto inaugural o presidente da institución, Ramón Villares, aludiu á continuidade de traballos neste congreso con relación ao celebrado en 1985 e anunciou tamén xornadas especiais a celebrar en outubro en Madrid, no Instituto Cervantes, e en novembro na Universidade de Barcelona. Na apertura interviron asi mesmo María do Cebreiro Rábade, coordinadora desta primeira xornada, Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Anxo Angueira, quenes xunto con Dolores Vilavedra organizaron este congreso. A segunda sesión terá lugar o vindeiro 21 de marzo.

“Manuel Murguía e Rosalía de Castro tiñan un proxecto para Galicia, para a reconstrucción e a recuperación de Galicia e cando compuxo “Cantares Gallegos Rosalía sabía moi ben que estaba sentando as bases de algo que permanecería”, afirmou o profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández -autor dunha monumental biografía de Manuel Murguía- no primeiro relatorio do congreso, “A evolución político/intelectual do matrimonio Murguía-Castro, desde os anos 60 aos anos 80 do século XIX”.

Barreiro Fernández aludiu ao espírito ”libre, independente e rompedor” de Rosalía, manifestado desde a súa mocedade ao incorporarse ás actividades do “Liceo de la Juventud”, en Compostela, onde coñecería, entre outros, a Aurelio Aguirre e ao propio Murguía, e onde entraría en contacto coas ideas do socialismo utópico e o romanticismo radical, antes de viaxar a Madrid e iniciar a súa carreira como escritora. A preocupación pola situación dos desfavorecidos e excluídos, polos emigrantes, a reafirmación da liberdade e o firme compromiso na reivindicación e na defensa da autonomía da muller foron salientadas polo conferenciante como expresións centrais da personalidade rosaliana. Nesa caracterización coincidiu tamén Catherine Davies, catedrática de Estudos Hispánicos e Latinoamericanos da University of Nottingham, quen chamou a atención sobre “o freo” que na carreira da escritora supuxeron, inevitablemente, a volta a Galicia e a crianza dos seus sete fillos. “Non pode resultar extraño que nalgún momento se sentira defraudada e deprimida ao ver frustradas non poucas ambicións persoais”, dixo a destacada galicianista e rosalianista británica.

A primeira sesión do congreso, coordinada por María do Cebreiro Rábade, e dedicada a analizar a figura de Rosalía “ante os procesos de cambio social e cultural do século XIX”, abordou tamén a posición analítica e crítica rosaliana ante os discursos científicos e as novidades tecnolóxicas. Unha mesa redonda c oordinada por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, abordou ese tema coas contribucións das profesoras Mari Lires (Universidade de Vigo), Mirta Suquet (Universidade de Santiago) e Margarita García Candeira (Universidade de Huelva).

Sobre “Rosalía e América” falaron a xa citada Catherine Davies e Pilar Cagiao, profesora de Historia de América da Universidade de Santiago e, finalmente, Henrique Monteagudo e Carme Hermida (Universidade de Santiago), Goretti Sanmartín (Universidade da Coruña) e Xosé A. Fernández Salgado (Universidade de Vigo) reflexionaron e debatiron sobre “Usos e ideas sobre a lingua galega de Rosalía”.

A segunda sesión do congreso terá lugar, tamén no Consello da Cultura Galega en xornadas de mañá e tarde, o vindeiro 21 de marzo baixo o lema “Do privado ao público: a configuración da Rosalía escritora” e será coordinada por Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.