----

A CORRECTA INTERPRETACIÓN DA LÍRICA MEDIEVAL CENTROU A INTERVENCIÓN DO PROFESOR ANTONI ROSSELL NO CCG

O debate sobre cómo debe ser interpretada a lírica medieval, ben desde un punto de vista arqueolóxico ben desde un punto de vista estético, centrou boa parte da intervención do profesor da Universitat Autònoma de Barcelona, Antonio Rossell, quen ofreceu esta mañá un relatorio no Consello da Cultura Galega baixo o título "A interpretación actual da lírica medieval: o debate entre a estética e a arqueoloxía".

"Son moitas as interpretacións contemporáneas que sobre a lírica medieval se fixeron ata o momento", asegurou Rossell, quen dubidou de que se puidese falar de interpretación medieval cando esa música e letra eran interpretadas con orquestras. A cuestión que Rossell puxo enriba da mesa foi tamén se a interpretación desta música debe seguir "os nosos gustos ou o que establecen os estudios arqueolóxicos". En todo caso, o profesor Rossell asegurou que "só podemos facer hipóteses sobre como cremos que se interpretaba a lírica medieval".

Antoni Rossell tamén abordou os tópicos ficticios que rodean a interpretación desta música e a realidade medieval, destacando que as interpretacións non eran polifónicas senón feitas a unha soa voz e cun só instrumento, onde os ritmos eran fluídos e os instrumentos escasos e onde o silencio non tiña a importancia que se lle adoita conceder nas interpretacións contemporáneas da lírica medieval.

Rossell rematou a súa intervención ofrecendo un anticipo do seu próximo disco, para o que escolleu unha serie de composicións de trobadores cataláns, recollendo cantigas de amor e de desamor cunha interpretación caracterizada polo coidado na modulación do timbre e os rexistros populares e aristocráticos. Rossell inseriu, ademais, numerosas referencias intertextuais á novela erótica "Flamenca" nun disco caracterizado polos continuos sons da natureza e polo multilingüísmo posto que recolle textos en árabe, latín, hebreo, catalán ou francés.