Segundo puxo de manifesto o vicepresidente do CCG, Francisco Díaz-Fierros, "case desde a primeira semana do accidente o Consello viu moi clara a necesidade dunha xuntanza". Paralelamente, a Asociación hispano-portuguesa de Economía de los Recursos Naturales y Ambientales (AERNA), a única asociación deste tipo que existe na península e que reúne a 150 científicos de ambas as nacionalidades, comezara a dar os primeiros pasos no mesmo sentido.
O resultado destes intereses concorrentes é o presente seminario, "o primeiro encontro científico deste tipo que nos permitirá avanzar no camiño da elaboración dun informe sobre as consecuencias económicas e ambientais do 'Prestige', asegurou un dos coordinadores do Seminario, Manuel Varela, quen fixo unha panorámica dos expertos cos que vai contar este seminario.
Pola súa banda, o presidente de AERNA, Pablo Campos, asegurou que a asociación que preside "vai facer o voluntariado da mente" xa que, "os científicos só temos capital humano e por iso precisamos o apoio das institucións que nos axuden a levar adiante inciativas coma esta". Neste sentido, Campos incidiu en que este tipo de encontros permítenlles aos científicos "estar na sociedade" "ofrecendo unha información obxectiva e coherente que lles permita ás institucións tomar mellores decisións nun futuro".
Campos anunciou que AERNA, a petición do Goberno, xa participou na elaboración dun primeiro informe de avaliación dos danos causados polo 'Prestige', informe no que se valoraron os efectos económicos, a perda do patrimonio natural e os danos sobre a poboación e que agora está en mans do Goberno central. O presidente de AERNA rematou a súa intervención facendo fincapé en que este seminario supón un primeiro paso para elaborar un informe científico completo e que, como tal, "debe partir das experiencias do pasado", como foron os desastres do Erika, en Francia, e do Exxon Valdez, en Alasca.

