Segundo puxo de manifesto unha das responsables da edición desta obra, a catedrática de Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez "este ano agardamos que teña lugar a terceira edición deste simposio, no que se presentarán o resultado dos traballos elaborados por numerosos expertos neste ámbito da lingua". Neste sentido, Rosario Álvarez incidiu en que esta publicación viña "encher un oco que nós entendiamos que existía", no estudio da lingua.
No mesmo sentido foron as palabras do presidente do CCG, Alfonso Zulueta, cando asegurou que este volume "aborda por vez primeira e dun xeito sistemático o estudio das variantes xeográficas que presenta o léxico en Galicia". Zulueta tamén loou o labor dos expertos que "traballan para poñer ao día as palabras que debemos empregar, o corpus lingüístico entendido como organismo vivo, aberto a neoloxismos inevitables".
Pola súa banda, o director do Instituto da Lingua Galega, Antón Santamarina, destacou o feito de que ata o de agora existían mapas sobre as variedades dialectais en función dos distintos fenómenos fonéticos e morfolóxicos. Por iso agora era preciso elaborar un estudio das variantes dialectais baseado no léxico,. Santamarina tamén incidiu na importancia que tiñan traballos como o que hoxe se presenta posto que, ata agora, só o "Atlas Lingüístico Galego" "paliaba as notables ausencias que existían neste eido".

