Esta obra constitúe a primeira tradución directa do latín ao galego das crónicas deste bispo, un dos máis fundamentais autores latinos da Gallaecia polo seu papel de testemuña de primeira man da caída do Imperio Romano na Península Ibérica e da instauración do reino suevo na súa parte occidental. O valor deste testemuño converte ao bispo de Chaves, tal e como sinala o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, "na grande personalidade política e literaria do século V na Gallaecia, a quen lle tocou vivir unha época convulsa, chea de sacudidas, catástrofes, guerras e incertezas".
O profesor e membro do CCG Andrés Torres Queiruga destacou, pola súa banda, o valor desta obra que cualificou de "impresionante e meticulosa". Para Queiruga, na narración ben tramada de Idacio pódese albiscar a semente histórica do que hoxe é Galicia.
A obra está editada pola Deputación Provincial de Ourense en colaboración co Consello da Cultura Galega e coa participación da Asociación Cultural Civitas Limicorum de Xinzo de Limia. Conta cunha introdución literaria e histórica, o texto orixinal en latín, a súa tradución ao galego, a tradución ao castelán que a principios de século realizou da mesma Marcelo Macías, titulada "El Cronicón de Hidacio", e unha ampla bibliografía.Durante a presentación da obra, os promotores da iniciativa destacaron que a edición foi un empeño persoal do anterior presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares.

