O responsable da Sección e coordinador da obra xunto a Xan M. Bouzada, Henrique Monteagudo, fixo un amplo resumo do contido da obra, sinalando como nas últimas décadas o galego foi adquirindo "status e novos ámbitos de uso" nos que antes estaba ausente, como nos medios de comunicación ou en áreas especializadas. Isto supuxo, sinala, traballar co idioma para habilitalo como instrumento comunicativo nestes novos contextos.
Monteagudo destacou a satisfacción pola reforma consensuada da ortografía, que supón, na súa opinión, que "a etapa de discusión dos problemas ortográficos do galego está superada". Así, indicou que un dos problemas máis graves que enfronta agora o galego é avanzar na norma do galego falado, sobre todo nos medios de comunicación, e na sintaxe, para evitar empregar formas afastadas do galego tradicional e procedentes do castelán.
Sobre a investigación lingüística, Monteagudo subliñou a necesidade de que se mellore a coordinación entre os diferentes organismos que traballan neste eido, para que a súa parcela de traballo se insira dentro dunha visión de conxunto máis ampla e eficaz. Do mesmo xeito, advertiu da necesidade de que se produza "unha renovación a fondo da pedagoxía da lingua galega". Así, considerou necesario que a principal finalidade no ensino do galego sexa que os usuarios saiban comunicarse ben neste idioma en diferentes contextos, e non tanto a aprendizaxe gramatical e sintáctica. Por elo, reclamou a elaboración de materiais didácticos, sobre todo de galego oral, para facilitar a aprendizaxe e perfeccionamento do idioma.
O informe tamén recolle un apartado especial dedicado ao "galego estremeiro", o galego que se fala nas zonas de Asturias e Castela e León fronteirizas con Galicia. Para Monteagudo, é necesario que as institucións implicadas a unha e outra marxe reforcen a súa colaboración para a promoción e difusión do idioma. Neste senso, considerou urxente a aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, para que os galegofalantes de León, Zamora, Asturias e outras zonas teñan os mesmos dereitos lingüísticos que os falantes que viven en territorio galego.
Na presentación do libro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destacou que "a lingua é un dos trazos máis importantes e definitorios da identidade galega, que merece polo tanto unha especial atención". Por elo, lembrou a obriga e compromiso do CCG de seguir prestando especial atención a todo o referido á situación do idioma galego, dos seus usos e comportamento. "En galego podemos e queremos estar no mundo, queremos defender a lingua galega, e con ese obxectivo traballamos", destacou Zulueta.
Este volume é o terceiro do proxecto "O proceso de normalización do idioma galego entre 1980-2000", que desde a Sección de Lingua do CCG pretende levar a cabo unha análise global das políticas lingüísticas autonómicas e o seu impacto no prestixio, coñecemento e uso da lingua, converténdose nun instrumento de información, avaliación reflexión sobre a evolución da situación social do galego nos últimos anos e as posibilidades de mellorar o status da lingua no futuro inmediato.
Ademais de editarse en papel, "O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000. Volume III. Elaboración e difusión da lingua" está dipoñíbel para a súa consulta e descarga na páxina web da institución.

