----

MIRAS PORTUGAL AFIRMA QUE AS NOVAS XERACIÓNS DEBEN RECUPERAR OS LAZOS DE GALICIA COA SÚA DIÁSPORA

Contando con mellor cadro de investigadores na temática da migración a Arxentina entre 1830 e 1930 e a partir de visións xerais en combinación con outras máis rexionais, seguindo as correntes eclécticas que dominan actualmente os estudios históricos, deu comezo esta mañá a primeira sesión das xornadas "Gallegos e Tanos. Xornadas sobre as migracións italianas e españolas a Arxentina (1830-1930)", que se desenvolven no Consello da Cultura Galega ata mañá sábado.

O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, foi o encargado de facer a inauguración destes encontros, intervención na que aproveitou para lembrar que "a emigración e as repercusións humanas e económicas que tivo marcan profundamente o noso ser galego" posto que, segundo asegurou o conselleiro, "ningún outro fenómeno acontecido na historia en Galicia é comparable co da emigración". Neste sentido, Miras Portugal fixo un rápido repaso polas motivacións que levaron ós galegos a abandonar a súa terra, "saída que cambiaría definitiva a historia de Galicia".

Aurelio Miras puxo fin á súa intervención lembrando a tradicional solidariedade do pobo galego e a necesidade de que as novas xeracións recuperen os lazos que nos unen coa diáspora, unha diáspora que segue sendo a máis numerosa e que fai que "na lingua galega nunca se poña o sol", asegurou o conselleiro.

No acto de presentación, Miras Portugal estivo acompañado polo secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, quen celebrou a asistencia do conselleiro co que esperaba manter "unha estreita colaboración", e o coordinador das xornadas e profesor na Universidade de Vigo, Alexandre Vázquez. Este último esbozou os eixes xerais en torno ós que vai moverse este encontro, destacando a necesidade de promover máis eventos deste tipo, para "integrar os distintos estudios que se fan sobre migracións que teñen trazos comúns, como son a italiana e a española".

E precisamente centrada nas semellanzas e diferencias que poden establecerse nas migracións italiana e española a Arxentina, estivo o relatorio que ofreceu o profesor e membro do Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos, Fernando Devoto, quen primeiro bosquexou os motivos polos que o uso da comparativa era tan útil neste tipo de estudios sobre as migracións. Neste sentido, Devoto destacou dous tipos de comparacións: o estudio dun mesmo grupo étnico en dous contextos distintos, comparación que se centra na influencia do medio para explicar os comportamentos dun grupo, ou o estudio de dous grupos étnicos nun só lugar. Este último tipo de comparacións, que é a que centra estas xornadas, "permítenos centrarnos as habilidades diferenciais dos dous grupos, é dicir, permítenos saber por que lles foi ben ou mal a estes emigrantes, tendo en conta tamén o momento concreto no que chegaron ó seu país de destino", explicou Fernado Devoto.

Entre as características da emigración italiana e española a Arxentina, este profesor da CEMLA destacou o feito de que ambas eran "migracións de familias cun alto nivel de permanencia pero,entre as diferencias había que observar que os italianos foron os primeiros en chegar a Arxentina debido a unha presión e ritmo demográfico diferente e o seu índice de retorno era maior que o dos españois.

O problema da integración social foi amplamente tratado nesta primeira sesión da mañá, tanto por Fernando Devoto, dun xeito máis tanxencial, como pola profesora na Universidade de París, Pilar González-Bernaldo de Quirós, quen centrou o seu relatorio na migración dos españois en Francia e Arxentina e a súa relación coa saúde pública. Neste sentido, esta relatora bosquexou os principais interrogantes que se lle presentan na investigación que está a levar adiante para determinar as restriccións sanitarias que se lles foron impoñendo ós emigrantes, principalmente en Francia, onde se lles consideraba fonte de "contaminación". Neste sentido, Pilar González destacou o feito de que se trata dunha cuestión moi actual posto que nalgúns casos, a consecución dos dereitos sociais para os emigrantes pasaban por un proceso de integración previa.

As sesións deste encontro continúan esta tarde cun segundo bloque dedicado ás espeficidades nacionais das migracións italiana e española a Arxentina e contará coa presencia de expertos das universidades de UCLA, Luján e Turín.