----

OS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN ABORDAN O FUTURO DAS LINGUAS MINORITARIAS NA UE

O Consello da Cultura Galega acolle os días 14 e 15 de outubro os Encontros para a Normalización Lingüística, que na sexta edición presentan os planos de normalización das universidades de Santiago e Vigo. E se o futuro do idioma depende da planificación institucional a curto e medio prazo, a supervivencia das linguas a nivel europeo tamén toma un camiño determinado segundo o amparo que lles proporciona a lexislación vixente. Esta necesidade de campañas de difusión e o pulo que supón a oficialización dunha lingua son dúas axudas a ter en conta en casos concretos coma o do galego estremeiro e dos esforzos dos case 78 000 falantes a favor da dignificación da súa fala.

O director xeral de Política Lingüística, Xesús P. González Moreiras, inaugurará a primeira mesa de traballo, centrada na elaboración do plan de normalización. O proxecto da Xunta, que prevé estar rematado antes de fin de ano, foi anunciado coma un proxecto de consenso entre tódalas entidades e organización sociais vinculadas co idioma e, en palabras do propio Moreiras, "pretende concretar e actualizar os grandes obxectivos que xa se recolleron na Lei de normalización lingüística de 1983". Coma diagnósticos da situación do idioma tamén xurdiron propostas semellantes no concello compostelán e no ámbito universitario de Santiago e Vigo. Estes tres proxectos serán expostos nos Encontros polo concelleiro compostelán de Normalización Lingüística, Manuel Portas, polo responsable do SNL da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, e polo docente na universidade olívica, Anxo Lorenzo, respectivamente.

Ademais, e como xa vén sendo habitual en anteriores edicións, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia aborda nestes Encontros o papel dos normalizadores no proceso de difusión da lingua. A súa formación e o grao de consolidación do SNL no que traballa xogan un papel fundamental á hora de planificar campañas e deseñar actividades de dinamización encamiñadas á entidade para a que traballa así como á cidadanía á que presta os seus servicios.

Na segunda e última xornada do congreso, os investigadores Bojan Brezigar, Taina Hämäläinen e Henrique Costas analizarán a política da UE no referente á protección das linguas minoritarias. En moitos países dáse a existencia dunha lingua oficial e outras/as que son nacionais (con uso a nivel local pero non estatal) ou minoritarias (limitadas a ámbitos como a educación primaria), o que ás veces restrinxe os dereitos dos falantes destes idiomas minorizados na comunicación coas institucións.

Esta situación plurilingüe adoita resolverse ben deixando que a propia persoa escolla a lingua na que quere expresarse, como ocorre en Suíza ou Bélxica, ou ben permitindo esta libertade persoal só no territorio en que se fala esa lingua , como é o caso de España. Sen embargo, esta escolla persoal precisa dun respaldo institucional que garanta a presencia da fala como lingua vehicular en ámbitos coma os medios de comunicación, o ensino ou a igrexa, reivindicacións que veñen facendo desde hai anos os colectivos e os galegofalantes dos concellos estremeiros de Asturias, do Bierzo e de Zamora.