----

ARQUITECTOS E UNIVERSITARIOS ACHÉGANSE AO QUE SE ESTÁ COCIÑANDO NOS MELLORES ESTUDIOS MADRILEÑOS

As xornadas "A arquitectura desde Madrid" rematan esta tarde no Consello da Cultura Galega (CCG) cunha valoración moi positiva por parte de asistentes e participantes. O catedrático Gabriel Ruiz, coordinador das xornadas xunto ao responsábel da Sección de Arquitectura do CCG, Iago Seara, salientou que este encontro "conseguiu traer a Galicia a moitos dos mellores arquitectos que traballan na capital do Estado" o que lle permitiu aos asistentes, na súa maioría arquitectos ou estudantes de Arquitectura, "coñecer de primeira man o que se está cociñando nos mellores estudios de arquitectura madrileños; ver e reflexionar sobre obras de calidade que non estarán realizadas até dentro duns anos".

O encontro "A arquitectura desde Madrid" reúne desde onte a 14 dos máis relevantes arquitectos madrileños e a máis dun centenar de estudantes e profesionais galegos en Santiago de Compostela co obxectivo de divulgar a arquitectura madrileña actual e estabelecer novos lazos culturais e canles de diálogo que permitan mellorar a formación dos arquitectos galegos.

Os coordinadores das xornadas salientan o feito de que estos encontros permiten aos propios arquitectos analizar diante dos seu colegas de profesión as súas obras e ideas, para reflexionar de xeito colectivo sobre eles e para dialogar. Neste senso, Ruiz destacou o productivo que resultou nestas xornadas poder escoitar a xeracións consagradas da arquitectura madrileña, como José Antonio Corrales e Juan Navarro Baldeweg, xunto a xeracións máis novas, como Cristina Díaz e Efrén García ou Javier Soto e Álvaro Maroto.

Gabriel Ruiz foi o encargado de comezar a sesión de hoxe facendo un extenso repaso da historia da arquitectura madrileña desde os seus orixes até a actualidade. Ruiz destacou que a identidade da arquitectura madrileña está en continuo proceso de fortes transformacións e definición, a medida que a cidade se converte nunha metrópole internacional. Sen embargo, sinala, "a cerrazón da Guerra Civil e o réxime posterior provocou a elaboración dunha arquitectura particular, de carácter local, que foi a base do que hoxe é a arquitectura madrileña". Cristina Díaz e Efrén García, Carlos Puente e José Antonio Corrales completan a sesión de hoxe antes de rematar cun amplo debate.

Estas xornadas non son un acto illado senón que continúan o traballo que nos últimos meses realiza o Consello da Cultura Galega abordando a arquitectura que se desenvolve en distintos focos de especial significación na Península. Os primeiros encontros centráronse na arquitectura en Lisboa, en Cataluña e no País Vasco e Navarra. Nesta cuarta edición, a elección foi Madrid. O obxectivo final é ofrecer desde a Comunidade unha ampla ollada sobre as diferentes arquitecturas peninsulares e estabelecer o característico e o diferente de cada unha.