----

GALICIA TENDE PONTES DE INTERCAMBIO CULTURAL COA MELLOR ARQUITECTURA MADRILEÑA

As xornadas "A arquitectura desde Madrid" comezaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) rendéndolle un emotivo recordo ao arquitecto Rafael Baltar Tojo, membro da Sección de Arquitectura do CCG falecido no día de onte. O presidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz, o coordinador da Sección á que pertencían, Iago Seara, e o director xeral de Urbanismo da Xunta, Martín Fernández, aproveitaron a ocasión para destacar a calidade humana de Rafael Baltar e o enorme traballo que fixo a prol da arquitectura en Galicia.

Tras esta homenaxe, deron comezo os dous días de debate e reflexión en torno á arquitectura madrileña que reúnen en Santiago a catorce dos máis relevantes arquitectos, críticos e investigadores madrileños, algúns deles referentes da arquitectura española e internacional, como Tuñón e Mansilla e Juan Navarro Baldeweg, e a preto de 140 profesionais e estudantes galegos. O obxectivo é divulgar entre o público galego a actual arquitectura madrileña, pero tamén dar un paso máis no estabelecemento de novos lazos culturais e canles de diálogo que permitan mellorar a formación dos profesionais galegos.

O profesor, historiador e recoñecido teórico Simón Marchán foi o encargado de iniciar as xornadas expoñendo as liñas xerais do fenómeno arquitectónico madrileño. Así explicou como a capital española pasou de ser unha pequena cidade burguesa a unha metrópole postmoderna. Pero, advertiu, "como Madrid non se pensou para medrar, acabou rebentando por todos os lados e de xeito caótico". Esta tensión de crecemento, sinalou Marchán, só se puido solucionar coa aparición das pequenas cidades que rodean Madrid, un fenómeno que na súa opinión provoca que esta cidade se pareza cada vez máis ao modelo de cidade americana e non ao europeo.

As impresións de Simón Marchán deron paso ás intervencións dos arquitectos de distintas xeracións e posicionamentos invitados ao encontro para reflexionar sobre as súas obras, proxectos e ideas. Emilio Tuñón fixo un repaso por dez anos de traxectoria profesional do equipo formado por Luis Mansilla e el mesmo. Un repaso no que foi desvelando "as caixas negras" do seu traballo, reflexionando e explicando a súa traxectoria e obras. Outro equipo, o formado por Javier Soto e Álvaro Maroto tomaron o seu relevo e analizaron para os asistentes as súas obras e proxectos.

As xornadas continúan esta tarde coas intervencións dos arquitectos Ábalos e Herreros e Juan Navaro Baldeweg para rematar coa celebración dunha mesa redonda. Xa mañá, o encontro continuará coa participación de Gabriel Ruiz Cabrero, coordinador das xornadas xunto a Iago Seara, Manuel de las Casas, Cristina Díaz, Efrén García e José Antonio Corrales. Para rematar, haberá unha mesa redonda na que os participantes pecharán os dous días de debate sobre a identidade, a cultura e a arquitectura madrileña.

Estas xornadas, continúan o traballo que nos últimos meses realiza o Consello da Cultura Galega abordando a arquitectura que se desenvolve en distintos focos de especial significanción na Península. Os primeiros encontros centráronse na arquitectura en Lisboa, en Cataluña e no País Vasco e Navarra. Tras a celebración destes encontros centrados en Madrid, está previsto que se aborden xornadas similares sobre áreas como Andalucía, Canarias e Castilla y León.