Organizado polo Grupo Compostela de Universidades, o Museo das Peregrinacións e a Xunta de Galicia e co patrocinio do CCG, este evento abriuse esta mañá nun acto que contou coa presencia do presidente do Grupo Compostela de Universidades, o profesor Michael Cooper, o vicerrector de Comunicación da USC, Ángel Luís Hueso, o Deán da Catedral de Santiago, Manuel Calvo Tojo, o Director Xeral do Patrimonio, Francisco Castro, así como o presidente do CCG, Alfonso Zulueta. Zulueta foi o encargado de pechar o acto inaugural lembrando o propósito desta reunión de expertos e o feito de que se produza en Santiago, "cidade rediseñada polos ecos, as palabras e as pregarias dos peregrinos chegados de todo o orbe", asegurou o presidente do CCG.
Alfonso Zulueta tamén aproveitou a súa intervención para chamar a atención sobre Santiago de Compostela como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Neste mesmo sentido, tamén se expresou o catedrático e membro do Pleno do CCG, Manuel C. Díaz y Diaz quen, durante a súa intervención baixo o título de "Santiago, Primeiro Santuario Occidental", destacou a importancia de Compostela como elemento constitutivo do que hoxe é a Civilización Occidental.
Relatorios e sesións prácticas
O último relatorio da mañá estivo a cargo do profesor Jerzy Kmiecinski, da Universidade de Lodz (Polonia) que xirou en torno á etimoloxía do termo 'peregrino' así como os santuarios e o culto que se deu no continente europeo durante os primeiros momentos do cristianismo.
As xornadas deste curso intensivo, inxerido dentro do programa máis amplo "As rutas comerciais e de peregrinación como factores de integración" desenvolverase ata mañá con varias conferencias pola mañá así como sesións prácticas polas tardes que inclúen a visita ó Museo das Peregrinacións e á Catedral de Santiago. Durante esta fin de semana, os participantes neste curso xa tiveron a oportunidade de visitar o Mosteiro de Sobrado e Betanzos.

