Na primeira mesa redonda da mañá, titulada "O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade", tres profesionais de diferentes áreas de traballo expuxeron as pautas que seguen á hora de empregar termos especializados. Miguel Conde, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, explicou a súa experiencia na elaboración dun padrón de aves en galego; Xosé Masa, da Universidade de Santiago, relatou o seu traballo en vocabulario de matemáticas e Xosé María Lema analizou a situación no campo das artes. Algunhas das pautas que sinalaron estos profesionais para a elaboración do vocabulario específico das súas áreas está o recurso a palabras de orixe popular que xa existen en Galicia e o recurso á designación noutros idiomas, entre eles o portugués. A mesa estivo moderada por Luis Daviña, que traballa na elaboración dun diccionario galego de Ciencias da Súade.
A segunda mesa redonda estivo formada por filólogos e traductores, que se enfrontan no seu traballo diario ó reto de crear novas palabras para termos especializados ou novos. O debate, titulado "Aproveitamento do portugués na elaboración terminolóxica galega", prantexou catros cuestións para a análise: o portugués como vía de depuración de castelanismos e anglicismos, a receptividade que hai nos falantes cara os neoloxismos de base portuguesa, a accesibilidade ás fontes terminolóxicas portuguesas e cando pode ser aceptable ou non recurrir ó portugués para crear novas palabras para o galego.
Tras unha explicación da especialista portuguesa Mª Rute Costa, do TERMIP, da situación en Portugal, catro lingüistas e traductores galegos expuxeron as súas experiencias e posturas sobre este tema. Liliana Martínez, do Termigal, destacou que a normativa do galego sinala que o portugués será un recurso fundamental á hora de crear neoloxismo e que iso vai permitir a depuración de castelanismos. Sen embargo, aclara que "o portugués non ten que ser unha meta, pero sí unha ferramenta fundamental" neste senso.
Pola súa banda, Valentina Formoso, que traballou na creación dun diccionario de termos económicos, apostou por unha solución adaptada a cada caso. Destacou a capacidade do galego para crear terminoloxía propia e fixo fincapé na necesidade de que se estableza unha coodinación que evite que proliferen demasiados neoloxismos para nomear a mesma realidade ou que se troquen cada pouco os termos correctos para designar unha nova realidade. En todo caso, advertiu que o importante é que a xente sexa consciente da importancia de usar unha terminoloxía correcta á hora de expresarse en galego e acabar con ese "castrapo científico" que fai que se redacten textos en galego pero con vocabulario específico en castelán. Unha situación que atribúe, máis que á falla ou mala receptividade de neoloxismos galegos, ó peso de actitudes negativas cara o galego, ó feito de que a formación destes profesionais é preferentemente non en galego e que a traducción ó galego destes termos non deixa de supor un esforzo para estas persoas.
Pecharon o debate, moderado por Xesús Ferro, Salvador Pérez, da TVG, e María Xesús Miramontes, do Servicio de Traducción da Xunta de Galicia, que expuxeron a súa experiencia profesional na traducción de termos especializados ou novos (como os provintes de Internet ou a informática en xeral). Este simposio, que ten lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega remata mañá sábado con dúas presentación de ferramentas terminolóxicas e productos terminolóxicos.

