O informe foi presentado hoxe nun acto presidido por Alfonso Zulueta, Presidente do Consello; Henrique Monteagudo, coordinador do proxecto e secretario da institución, e Xan Bouzada e Anxo Lorenzo, coautores do libro xunto con Agustín Fernández Paz.
O informe subliña que a introducción do galego no ensino, "malia as limitacións que presentou e que ainda podemos observar, axudou a que a lingua se inserise con forza nun ámbito social que resulta decisivo para garanti-la súa sobrevivencia social". E engade: "Polo tanto, non se pode argüir que a planificación “morna” no ensino se debe a un desexo da sociedade galega, senón que responde moitas veces a unha actitude prudencial e non intrusiva por parte da Administración que nalgúns dos seus aspectos cumpriría revisar e adecuar ás novas actitudes maioritarias dos galegos e galegas respecto da súa lingua".
Xunto coas conclusións, este volume de case catrocentas páxinas, detalla cinco propostas de mellora, ás que se referiu na presentación Anxo Lorenzo e que pasan pola planificación lingüística desde os centros, o reforzo do papel dos Equipos de Normalización Lingüística (ENL), o emprego do galego na maior parte das áreas curriculares, unha intervención decidida da Administración na Educación Infantil e no primeiro ciclo de Educación Primaria, sobre todo nos centros privados, e a elaboración de materiais de apoio (textual e audiovisual, para prácticas, en soporte electrónico, multimedia e hipertextual, etc.).
O informe constata os aspectos "favorecedores dunha presencia significativa do galego nos centros educativos", pero tamén "distintas dificultades e atrancos que limitan o avance do proceso dinamizador do seu uso nas prácticas escolares". Entre esas dificultades menciona "a ambientalidade lingüística favorable ó castelán, os obxectivos normalizadores pouco ambiciosos, os "mínimos" legais na docencia en galego interpretados en moitas ocasións como "máximos", moi particularmente nos centros privados, unha insuficiente atención ós equipos de normalización lingüística e carencias formativas e pedagóxicas entre os docentes". Neste punto os autores precisan que "as estratexias que necesita un ensino en dúas linguas, nunha realidade social de linguas en contacto, son descoñecidas por unha boa parte do profesorado, que ve como atrancos o que só son problemas de doada solución". Aparece tamén no conxunto das dificultades o feito de que "un sector dos docentes pensa que o "excesivo normativismo" supón un factor de disuasión, neles e no alumnado, á hora de emprega-lo galego, por mor da súa variabilidade e relativa imprevisibilidade".
O traballo foi elaborado partindo dun estudio de campo que incluiu a realización de enquisas en 200 centros educativos. "Fixéronse entrevistas cos membros dos equipos directivos e de normalización e elaboráronse logo fichas de avaliación, amais dun estudio cualitativo que se levou a cabo en oito centros", explicou Xan Bouzada, un dos coordinadores do informe e coautor deste volume. Pola súa parte, Henrique Monteagudo lembrou que os dous volumes que han completar o informe serán presentados despois do verán, o referido á situación da lingua, e antes de fin de ano, o dedicado á normalización lingüística nas institucións locais. O Presidente do Consello, Alfonso Zulueta de Haz, salientou a importancia do traballo desenvolvido "a prol da promoción e a normalización do idioma galego".

