Así, o profesor na Universidade de UCLA, José C. Moya, comezou a sesión dos relatorios da tarde asegurando que "as diferencias entre as migracións italianas e españolas son mínimas se temos en conta as que se poden establecer entre os fluxos rexionais que se detectan dentro de cada un dos países". Neste sentido, este relator expuxo que, se ben é certo que o fenómeno migratorio é trasnacional e o seu estudio sempre estivo formulado desde un punto de vista nacional, migracións como a española non son senón "unha suma de fluxos migratorios locais procedentes dunha poucas provincias periféricas", algo doado de comprender se temos en conta que nestas provincias - fundamentalmente as da Galicia Atlántica, a costa cantábrica, Barcelona e Cádiz - eran nas que a poboación tiña máis facilidades para poderse embarcar.
Provincias máis ricas, xentes acomodadas
Así, Moya resaltou o feito de que, en contra do que moita xente cre, as migracións non comezaron nas zonas máis pobres da Península Ibérica, nin sequera comezaron entre as xentes que ocupaban os chanzos máis baixos. "Foron as provincias máis ricas e, dentro delas, os máis acomodados, os que primeiro se incorporaron ó éxodo mentres que os máis pobres eran os que quedaban ou migraban dentro do interior do país", asegurou o relator. Posteriormente, estes fluxos de migración iríanse difundindo polo interior do país pero o farían dun modo máis lento en España que en Italia polo que se considera que, en conxunto, a migración española é tardía, "aínda que non o é a galega ou a vasca".
Outro dos puntos fortes da exposición de José C. Moya foi o impacto que a orixe local e rexional dos emigrantes tivo en Arxentina á hora de facer o proceso de adaptación á sociedade receptora. Neste sentido, Moya incidiu na importancia que tiveron as orixes dos emigrantes á hora de ocupar un posto na estructura social arxentina así como a importancia da existencia de redes socias e de paisanaxe creadas ó longo dos anos e que contribuíron a que as boas posicións sociais non se acadaran en función das habilidades senón pola "rede de coñecidos" que tiña o inmigrante.
"Adaptación económica" dos inmigrantes
Precisamente en torno o uso das habilidades para adaptarse á sociedade de acollida centrouse o relatorio ofrecido polo profesor da Universidade de Turín, Franco Ramella, quen centrou a súa intervención no caso das migracións italianas a Arxentina. Do mesmo xeito que o profesor Moya, Franco Ramella falou da "adaptación económica" dos inmigrantes italianos en Arxentina, poñendo de manifesto que as habilidades profesionais e
culturais da maioría dos inmigrantes italianos en Arxentina foron as mesmas que xa tiñan antes de marchar, non aprenderon nada novo e eran estas habilidades as que, en boa medida, determinaban o destino social e a ocupación destes inmigrantes. Sen embargo, o profesor Ramella vai máis aló e tamén incidiu no impacto que ese inmigrante ten nas redes sociais xa formadas e na necesidade de que ten de adaptarse. Neste sentido, Ramella insistiu no feito de que esta integración é un proceso gradual.
A sesión de relatorios da tarde completouse coa participación de Alejandro Fernández, profesor da Universidade Nacional de Luján, quen analizou o proceso de diversificación étnica no interior da colectividade española en Arxentina. O profesor Fernández fixo fincapé no colectivo catalán e fixo a súa análise a partir da observación das asociacións voluntarias creadas polos catalán en Bos Aires. Deste análise observou un paulatino proceso de diversificación das identidades que trouxo consigo unha relación de conflicto entre as asociacións catalanas e as españolas, cada vez máis separadas.

