Excelente coñecedor do léxico galego, Eladio Rodríguez, traballou durante moitos anos no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, que foi publicado trala súa morte. Sobre os seus esforzos na elaboración deste diccionario bilingüe xirou fundamentalmente a conferencia de Antón Santamarina, quen destacou que Eladio Rodríguez "pasou toda a súa vida conseguindo información, aínda que ata hai pouco case non se coñecía a cronoloxía destes traballos".
O profesor Santamarina fixo un minucioso repaso polo retallos xornalísticos que permiten coñecer os traballos de elaboración do diccionario, aspectos que, segundo destacou o relator, "podemos coñecer gracias ó traballo de estudiosos como González Seoane e Álvarez de la Granja, que analizaron a prensa da época".
Esforzos non recoñecidos
Durante a súa intervención, Antón Santamarina tamén empregou numerosas citas nas que Otero Pedrayo facía referencia ó lexicógrafo ourensán, coas que afondou no seu traballo e no seu escaso recoñecemento público.
"Na historia dun pobo" - asegurou Santamarina-, "un diccionario é algo máis que un libro, é un símbolo". O director do Instituto da Lingua Galega e autor de numerosos traballos sobre diccionarios en Galicia, quixo destacar que "hai que recoñecer que a recolla de Eladio Rodríguez foi moi importante, unha grande obra para un home que non se dedicaba a este traballo a tempo completo, xa que era funcionario municipal".
"Sen o 'Eladio', non habería o Xerais, nin o Cumio, nin ningún outro diccionario galego que hoxe ten tanto éxito editorial", asegurou Santamarina, quen afirmou que o Diccionario enciclopédico gallego-castellano foi a fonte principal de moitos outros diccionarios de hoxe. O relator rematou a súa intervención dedicando unha lembranza á Editorial Galaxia e á Casa de Caracas, que foron as entidades que afrontaron os gastos da edición dos tres volumes do diccionario de Eladio Rodríguez, en 1959.
Facsímil de Folerpas
Os actos de celebración do Día das Letras Galegas continuarán no Consello da Cultura Galega coa presentación da edición facsimilar que esta institución editou de Folerpas, o libro de poesía que Eladio Rodríguez publicou en 1894.
Esta presentación irá acompañada da proxección do vídeo Os mutis de Don Eladio. Palabras e silencios de Rodríguez González, realizado por José Antonio Durán, mentres que, ó día seguinte, xoves 17 de maio, procederase á presentación do novo sitio web do que disporá a institución, que ten por dirección www.consellodacultura.org.


