----

OS EXPERTOS DESTACAN O VALOR DA MÚSICA PARA CONSTRUÍR A IDENTIDADE DA COMUNIDADE EMIGRANTE

O Consello da Cultura Galega acolle desde esta mañá a celebración do IV Encontro O Son da Memoria, organizado polo Arquivo Sonoro de Galicia. A xornadas, que reúnen a relevantes especialistas galegos e foráneos, comezou destacando a importancia da música na construción da identidade nas comunidades de emigrantes e a necesidade de levar a cabo estudos que revaloricen este rico patrimonio da Galicia exterior.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destacou na inauguración do encontro que "o patrimonio galego ten non só manifestacións en Galicia, senón tamén e moi especialmente, en escenarios americanos". Un rico patrimonio que, sinala, "é necesario coidar, conservar e estudar pola súa importante significación na historia, cultura e identidade de Galicia, por riba dos seus límites xeográficos". Así, o coordinador do encontro e do Arquivo Sonoro de Galicia, Rodrigo Romaní, sinalou que a pesares do traballo feito, "estamos ante un material practicamente sen descubrir e moi creativo, ao que só existe unha aproximación parcial que non dá conta do que pode significar para a recuperación da memoria colectiva galega".

Para mellorar neste achegamento á música galega na emigración, o director xeral de Emigración da Xunta, Juan Castellano, destacou a necesidade de que as institucións galegas e os centros galegos no exterior xunten esforzos e colaboren "para conservar e estudar unha parte esencial da nosa personalidade e identidade no mundo".

Identidade e patrimonio

As xornadas comezaron cunha ampla exposición da investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas, Susana Asensio, das culturas musicais do arraigamento e do desarraigamento. Asensio, que puxo en dúbida moitos conceptos que xeralmente se empregan ao falar de músicas emigradas, destacou o importante papel que xoga a música na construción de identidades de comunidades emigrantes. Así, explicou como as producións musicais actúan como un elemento que permite ás comunidades emigrantes sentirse identificadas e vinculadas á súa cultura de orixe. Sen embargo, sinalou, esa cultura na emigración "non é a do país de orixe nin a do país de acollida, senón que é a que identifica a esa comunidade nese momento e nese lugar".

Para esta investigadora hai unha ausencia enorme de estudos de investigación neste campo e destaca a necesidade de que se aborde desde un punto de vista máis integral e cualitativo. Así, salienta a importancia que para entender a música emigrante teñen factores como o contexto social e a historia do país de acollida e do país de orixe, as relacións que os emigrantes teñen con outras comunidades e grupos e as implicacións políticas do fenómeno musical.

Esta investigadora do CSIC tamén fixo fincapé na necesidade de que se teña en conta a música popular e oral á hora de achegarse á música emigrante, xa que aínda que non é patrimonializable no senso de que non hai documentos que a sosteñan é fundamental para coñecer unha parte moi importante deste fenómeno. Por último, Asensio advertiu do perigo de etiquetar estas manifestacións culturais e de realizar un enfoque delas dentro dun contexto de problema social no país de acollida.

A sesión desta mañá rematou cunha interesante aproximación da profesora norteamericana Deborah Pacini á música latina nos Estados Unidos. Xa mañá, o encontro continuará analizando a situación da música galega emigrada, abordando Javier Garbayo a música na colectividade galega da Cidade da Habana antes do triunfo da revolución castrista e Norberto Pablo Cirio o patrimonio galego en Arxentina. As xornadas rematarán cunha homenaxe ao gran compositor galego Andrés Gaos. O seu fillo, Andrés Gaos Guillochon, fará unha emotiva lembranza do compositor e da súa obra, e músicos do Conservatorio de Música de Vigo interpretarán sonatas e cancións do compositor galego.