O coordinador das xornadas e do Arquivo Sonoro de Galicia, Rodrigo Romaní, salienta que "para moitos, Andrés Gaos, é o maior compositor galego de tódolos tempos". E da súa ampla produción destaca o especial valor que teñen para Galicia as composicións da última época da súa vida, onde a presencia da terra de orixe é moi relevante, compoñendo algunhas das páxinas máis fermosas da música galega.
Por este elevado valor, o coordinador do Encontro destacou a importancia de que as institucións galegas se conciencien da necesidade de que o rico legado de Andrés Gaos permaneza en Galicia para o seu mellor coñecemento e difusión e por ser parte importante do patrimonio musical da Comunidade.
O fillo do compositor, Andrés Gaos Guillochon, sinala con orgullo como Andrés Gaos Berea (A Coruña 1874- Arxentina 1959) foi un destacado violinista e compositor nacido no seo dunha familia na que a música xogaba un papel moi importante. A súa formación fraguouse entre Galicia, Madrid, París e Bruxelas, asentándose despois de 1895 en terras arxentinas. Na súa produción sobresaen obras para violín e piano e pezas como "Aires Gallegos", "Nuevos Aires Gallegos", "Impresión Nocturna" e "Amor Vedado". "A súa condición de emigrante, sinala Gaos Guillochon, estar lonxe da terra, foi o que lle permitiu facer obras de nostalxia e saudade por Galicia". De tódolos xeitos, ademais da súa obra inspirada en Galicia, Gaos salienta o valor das composicións de carácter universal do seu pai, na que a súa condición de galego non é directamente perceptible.
Durante a súa participación no encontro, Gaos Guillochon amosa a súa satisfación porque a obra de seu pais se vaia coñecendo en Galicia, principalmente desde o nacemento en 1975 da Asociación Musical Andrés Gaos, da edición dun disco da Orquestra Sinfónica de Galicia con toda a súa obra orquestral e do apoio de músicos como Rodrigo de Santiago. Sen embargo, expresa a súa preocupación por que diversos instrumentos cedidos pola familia a institucións galegas non recibiran o tratamento axeitado e sinala a súa intención de legar a Sinfonía Nº1 e a ópera "Amor Vedado" á Biblioteca Musical de Washington (Estados Unidos) para garantizar a súa conservación e accesibilidade.
A homenaxe rematará cun concerto aberto ao público a cargo de músicos do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Leonardo Blanco Novoa, violín; José Antonio Campo, tenor, e Severino Ortiz Rey, piano, interpretarán no salón de actos da institución sonatas e cancións de Andrés Gaos.
Música galega en Cuba e Arxentina
Ademais da figura de Andrés Gaos, a segunda xornada do Encontro O Son da Memoria abordou aspectos da música emigrada concretos, como a música na colectividade galega na cidade da Habana desde a proclamación da República cubana en 1902 ata a Guerra Civil española en 1936. O profesor da Universidade de Santiago Javier Garbayo describiu a transcendencia que a música tivo na vida cotiá dos emigrantes galegos en Cuba. Así destacou como a forza do asociacionismo galego emigrante permitiu a creación de numerosas sociedades e centros galegos que materializaban nas súas actividades públicas (romarías, actos benéficos, etc.) valores propios das zonas de orixe, entre eles a música. A través destas actividades produciuse, tal e como sinala Garbayo, unha definición estética do que é a música galega na emigración e do seu valor identitario.
O antropólogo arxentino Norberto Pablo Cirio fixo pola súa banda unha análise do patrimonio musical galego desde o punto de vista dos que emigraron a Arxentina, principal destino da emigración transoceánica galega e onde os galegos fundaron grandes sociedades e centros.
Para rematar o encontro, no que participan relevantes especialistas galegos e foráneos, e que conta coa asistencia de medio cento de persoas, celebrarase unha mesa redonda en torno á propiedade e pertenza dos fondos documentais e sonoros da emigración baixa o premisa ¿a música galega na emigración pertence ao país de orixe dos emigrantes ou ao país de acollida?.

