<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/09/pres08_09_05.jpg" alt="pres08_09_05.jpg" />
<em><div id="pedefoto">De esquerda a dereita: Henrique Monteagudo, José Manuel Vez, Ramón Villares e Bieito Silva Valdivia, durante a presentación do estudio</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2008.-</em> O director do estudio “Situación do ensino da Lingua e da Literatura Galega na Educación Secundaria Obrigatoria”, Bieito Silva Valdivia, afirma que é necesario “un maior ámbito de normalización do idioma galego porque a lingua non se aprende só na escola”. O informe, resultado dun convenio entre o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago e o Consello da Cultura Galega (CCG) foi publicado polo CCG e presentado esta mañá coa intervención do Presidente da institución, Ramón Villares; o subdirector do ICE, José Manuel Vez, e o secretario do CCG, Henrique Monteagudo, ademais do coordinador do traballo que dirixiu un equipo integrado por Pilar Buela Piedra, Xaquín Loredo Guitérrez e María Carmen Morán de Castro.
<ul><li><a href="http://consellodacultura.org/mediateca/?p=431">Pode descargar o libro na Mediateca do CCG</a></li></ul>
<!--more-->
O informe, elaborado entre 2005 e 2007, revela que os déficits na instalación social e escolar do idioma galego son considerados polo profesorado e polos participantes nos grupos de discusión “o factor que condiciona máis negativamente a consecución de resultados pedagóxicos satisfactorios nesta área e, en consecuencia, este é o foco que centra a maioría das demAndas dos docentes e no que se xustifican a maior parte das insatisfaccións profesionais”.
En relación coa situación lingüística xeral dos centros docentes e estudantes coinciden básicamente “en citar o persoal non docente como o máis galeguizado, seguido dos pais/nais e do profesorado (o primeiro na banda claramente galegófona da escala e os outros dous colectivos nunha zona máis indefinida) e tamén en situar o alumnado en medias de comportamento lingüístico bastante favorables ao castelán”.
MOITO POR FACER
Bieito Silva aseverou que o estudo permite intuir que as cousas “non se están facendo da mellor maneira se consideramos a necesidade de acadar, ao final do ensino obrigatorio, a competencia do alumnado nas dúas linguas oficiais”. Neste senso, Henrique Monteagudo falou da necesidade de implementar as necesarias medidas de apoio e de acompañamento por parte das autoridades educativas e do que considerou “unha orientación excesivamente filolóxica e gramaticalizante no ensino”.
O informe ven constatar o feito de que os resultados obtidos a partir da introdución do estudo da lingua galega, e mesmo do galego como lingua vehicular, no currículo educativo son notablemente inferiores aos esperados cando menos no que atinxe ao incremento do uso do galego por parte dos estudantes.
Pola súa parte, Ramón Villares, Presidente do CCG, aludiu á necesidade de “repensar a fondo a segunda fronteira da política lingüística, saíndo ao paso de quenes tratan de crear un clima social que sitúa nun nivel de sospeita ou rexeitamento a utilización mesma do galego”.
A ese respecto, Henrique Monteagudo, en resposta a unha pregunta sobre un recente pronunciamento do Club Financiero de Vigo, indicou que resultaba “lamentable pola súa carencia de base empírica e porque cuestiona as bases da convivencia lingüística detalladas no Estatuto de Autonomía de Galicia”.
José Manuel Vez, subdirector do ICE, referiuse tamén ao que calificou como “manobras calculadas en contras das linguas que non son de Estado” e louvou o carácter rigoroso e científico do estudo presentado hoxe. Felicitouse asemade pola colaboración entre o ICE e o CCG.

