<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/06/emili_rosario.jpg" alt="emili_rosario.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Emili Boix e Rosario Pérez, na terceira sesión do foro que se celebrou no Salón de Actos do Consello</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2008.</em>- “España ten pendente la acomodación do pluralismo nacional, cultural e lingüístico”, explicou Emili Boix, profesor de Sociolingüística na Universidade de Barcelona e relator no foro de debate SOCIEDADES PLURILINGÜES: DA IDENTIDADE Á DIVERSIDADE, que mañá continúa no Consello da Cultura Galega. O foro, iniciado hoxe, analiza a situación actual e as perspectivas de futuro do idioma galego nun contexto global e contará coa participación de 17 expertos de dez universidades europeas. As sesións, nas que participan oitenta estudiosos, conforman o terceiro dos seis foros de debate programados polo CCG para conmemorar os seus 25 anos (1983-2008).
<!--more-->Emili Boix, que falou sobre “A política lingüística do Estado”, lembrou unha cita de Leibniz, anotada por Enric Prat de la Riba: “Nada marca máis as vantaxes da grandeza dun Imperio que a multitude das nacións e das linguas que abarca”. Cita coa que fixo fincapé na posibilidade de conciliar o desenvolvemento económico e social co recoñecemento equitativo e xusto do plurilingüismo dos cidadáns, tal e como demostran os casos suizo, finlandés ou canadiense”. O relator reivindicou a “extraterritorialidade” das linguas cooficiais. Fernando Ramallo (Universidade de Vigo), que interveu como retrucante, afirmou que España só necesita vontade política para ser un Estado plurilingüe. Na sesión de hoxe, logo do acto inaugural, no que interviron Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, secretario da institución e coordinador do foro, interviu en primeiro lugar Carme Junyent, profesora de lingüística na Universidade Barcelona, quen abordou o tema da perspectiva global da diversidade lingüística. Referiuse ó fenómeno da morte ou desaparición das linguas “pero non coa velocidade e no número que coñecemos agora” e falou da necesidade de fortalecer as linguas cooficiais garantindo o uso e a transmisión. Argumentos que, en liñas xerais, reforzaron desde a perspectiva galega e na súa condición de retrucantes, ana Iglesias (Universidade de Vigo) e Pilar García Negro (Universidade da Coruña).
CRÍTICAS Á POLÍTICA LINGÜÏSTICA DA XUNTA
Xaime Subiela (Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia) falou de “Democracia e Política Lingüística en Galicia” e criticou o que considerou “política lingüística de baixa intensidade ou pasos insuficientes” dados pola Administración Galega. Aludiu á necesidade da intervención dos poderes públicos en favor da lingua galega -o Estado non é nunca neutral en materia de Lingua- e preguntouse cómo é posible que valores universalmente positivos (liberdade, tolerancia, bilingüismo ou calidade do ensino) sexan arguídos polos detractores da normalización lingüística. “Os que apostamos polo multilingüismo somos os defensores da normalización, afirmou. A retrucante Alba Nogueira (Universidade de Santiago) expresou a dúa decepción coa acciòn desplegada pola actual Xunta e falou da necesidade de actuacións decididas no ámbito dos medios de comunicación, públicos e privados; na administración de Xustiza, aínda sen un sistema informático en galego, e na Administración Pública, sen unha Lei de Réxime Xurídico con referencias ó emprego do idioma galego. Nesta sesión interveu tamén Jaine Beswick (Universidade de Southampton), quen se dirixiu ó auditorio en portugués e afrimou que a promoción do galego ten moito que ver coa coa súa viabilidade.
O PROGRAMA DO VENRES, 20
O venres día 20 ás 10 horas, Anxo Lorenzo (Universidade de Vigo) falará sobre “A sociolingüística de Galicia” xunto con Johannes Kabatek (Universidade de Tubinga) e Gabriel Rei Doval (Universidade de Wisconsin). Ás 12´15 horas o tema de debate será “A diversidade lingüística en Europa” coas intervencins de Dónall Ó Ríagáin, consultor independente; François Grin (Universidade de Xenebra) e Xavier Alcalá (Oficina de Programas Internacionais de I+D da Xunta de Galicia). Por último, ás 16´30 horas, Ivo Castro (Universidade de Lisboa) e Elías Torres e Rosario Álvarez (Universidade de Santiago) falarán sobre “Galicia no espazo cultural e simbólico da Lusofonía”.

