Expertos de dez universidades europeas participarán no foro de debate "Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade"

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/06/presentacion_villares_monteagudo.jpg" alt="presentacion_villares_monteagudo.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Ramón Villares e Henrique Monteagudo, durante a presentación do foro no Salón de Actos. Foto: CCG</div></em>

<em>Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2008</em>.- O foro de debate <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=486">"Sociedades Plurilingües: da Identidade á Diversidade"</a>, que se celebrará no Consello da Cultura Galega os días 19 e 20 de xuño, analizará a situación actual e as perspectivas do idioma galego nun contexto global e contará coa participación de 18 expertos de dez universidades europeas. O programa foi presentado hoxe por Ramón Villares, Presidente do CCG, e Henrique Monteagudo, secretario da institución e coordinador das xornadas. O foro, que conta xa con máis de sesenta inscritos, é o terceiro dos seis programados polo CCG para conmemorar os seus 25 anos (1983-2008).

<!--more-->O foro permitirá reflexionar e debatir sobre as expectativas do idioma galego tendo en conta as condicións e os problemas da sustentabilidade da diversidade lingüística no mundo contemporáneo e as fórmulas de convivencia nas sociedades plurilingües. Henrique Monteagudo explicou que o debate orientarase nunha perspectiva ecolingüística considerando o escenario global da mundialización o espazo europeo de diversidade lingüística e cultural, o multilingüismo español, as condicións concretas da sociedade galega e a perspectiva da súa relación e articulación co espazo cultural e simbólico da Lusofonía, ou sexa, o ámbito luso-brasileiro. Ramón Villares salientou a combinación de miradas propias e alleas, obxectivo do CCG á hora de programar os foros de debate, e calificou como positivo o balanzo dos dous celebrados con anterioridade, en abril e maio. Os tres restantes celebraranse en setembro, outubro e decembro.

18 EXPERTOS DE 10 UNIVERSIDADES

O programa inclúe seis sesións e unha conferencia pública, que pronunciará o día 19 ás 19´30 horas Suzanne Romaine (Universidade de Oxford) sobre “Dereitos lingüísticos, desenvolvemento humano e diversidade lingüística no mundo globalizado”. Ese mesmo día a primeira sesión, ás 10 horas, abordará “A perspectiva global da diversidade lingüística” con Carme Junyent (Universidade de Barelona), Pilar García Negro (Universidade da Coruña) e Ana Iglesias (Universidade de Vigo). Ás 12´15 horas Xaime subiela (Consellería de Cultura) ocuparase de “A Glotopolítica en Galicia”, xunto con Alba Nogueira (Universidade de Santiago e Jaine Beswick (Universidade Souhampton). Para as 16´30 horas está fixado o inicio da terceira sesión, “A política lingüística do Estado” coas intervencións de Emili Boix (Universidade de Barcelona) e Fernando Ramallo (Universidade de Vigo). O día 20 ás 10 horas, Anxo Lorenzo (Universidade de Vigo) falará sobre “A sociolingüística de Galicia” xunto con Johannes Kabatek (Universidade de Tubinga) e Gabriel Rei Doval (Universidade de Wisconsin). Ás 12´15 horas o tema de debate será “A diversidade lingüística en Europa” coas intervenciòns de Dónall Ó Ríagáin, consultor independente, François Grin (Universidade de Xenebra) e Xavier Alcalá (Oficina de Programas Internacionais de I+D da Xunta de Galicia). Por último, ás 16´30 hyoras, Ivo Castro (Universidade de Lisboa) e Elías Torres e Rosario Álvarez (Universidade de Santiago) falarán sobre “Galicia no espazo cultural e simbólico da Lusofonía”.

GALICIA, DENOMINACIÓN OFICIAL

A respecto dunha pregunta sobre Galicia e Galiza o Presidente do Consello da Cultura Galega limitouse a lembrar as “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego”, da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, que indican: “Galicia: voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexítimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”.

Ramón Villares lembrou que Galicia "é a forma oficial aprobada polo Parlamento galego".