<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/05/alvarez_blazquez1.jpg" alt="alvarez_blazquez1.jpg" />
<div id="pedefoto"><em>Ramón Villares e Henrique Monteagudo, na presentación da publicación. Foto: CCG</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 13 de maio de 2008.</em>- O Consello da Cultura Galega presentou hoxe unha publicación conmemorativa do “Día das Letras Galegas”. Trátase da edición facsímile do manuscrito autógrafo “Égloga de Belmiro e Benigno”, de Nicomedes Pastor Díaz; do facsímile dese texto impreso e editado en 1951 pola editorial Monterrey, dirixida por Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985), autor das “Notas para unha edición crítica”, publicadas nos “Cuadernos de Estudios Gallegos” e tamén incluídas na publicación que homenaxea, como editor, bibliófilo e erudito, á figura a quen este ano a Real Academia Galega dedica a efeméride das Letras Galegas.
<!--more-->
Ramón Villares, Presidente do CCG, salientou a oportunidade dunha iniciativa que permite unir os nomes de Nicomedes Pastor Díaz, “poeta auroral do Pre-Rexurdimento” e de Xosé María Álvarez Blázquez, “na súa dimensión de bibliófilo, erudito, editor e recuperador de tesouros literarios como foi o caso desta Égloga”. Subliñou tamén o feito de que, con esta edición non venal, “o CCG recupera o feitío de publicacións conmemorativas do “Día das Letras Galegas” ideado hai uns anos por Xosé Filgueira Valverde, sendo presidente desta institución”. Henrique Monteagudo, Secretario do CCG, disculpou a ausencia de Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do autor homenaxeado, e insistiu na oportunidade da edición de textos que só viran a luzda man de Xosé María Álvarez Blázquez e da súa editorial Monterrey en 1951. “Nese momento a Égloga era complementamente descoñecida e a Alborada estaba inédita” e lembrou a dimensión da figura homenaxeada nesta edición das Letras Galegas como “gran descubridor de textos dos chamados séculos oscurros, quere dicir o XVI e o XVII e tamén as primeiras décadas do XIX”. O Presidente do CCG agradeceu as axudas de Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do homenaxeado; de Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto “Padre Sarmiento” e da revista “Cuadernos de Estudios Gallegos; de Francisco Fernández del Riego, director da Fundación Penzol, onde se conserva o manuscrito, e de Ramón Mariño Paz, que achegou a versión do manuscrito “no marco do proxecto que se está a desenvolver neste Consello sobre os textos literarios anteriores ao Rexurdimento, que logo serán publicados baixo o rubro de “Papés de imprenta condenada”.

