----

Anne Marie Thiesse: "A Unión Europea debe procurar a súa identidade nas novas topoloxías da posmodernidade, policéntricas e flexibles"

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/04/anne_marie_thiesse.jpg" alt="anne_marie_thiesse.jpg" />

<div id="pedefoto"><em>Anne Marie Thiesse durante a conferencia impartida na Biblioteca do Consello da Cultura Galega</em></div>

<em>Santiago de Compostela, 24 de abril de 2008.-</em> "A Unión Europea debería procurar a súa identidade nas novas topoloxías da posmodernidade, policéntricas e flexibles, nas cales as relacións entre indivíduos e grupos non seguen liñas inmutables e xerarquizadas. Xa non serve o lema "Unidade na diversidade" e faise necesaria unha mudanza conceptual tan radical como a que hai dous séculos inspirou a formación das nacións". Anne Marie Thiesse, directora de investigación do Centre National de la Recherche Scientifique, de París, expresouse así, sempre en francés, na conferencia que hoxe pronunciou sobre "A nación moderna, corpo político e comunidade cultural. Consecuencias e problemas actuais" dentro do seminario "Os sentidos das Culturas", organizado polo Consello da Cultura Galega.


<!--more-->

Para a investigadora francesa, que foi presentada por Ramón Máiz, coordinador do seminario, "a Europa actual caracterízase por un serio déficit democrático que é imputable, nunha gran parte, a unha falta de espazo público transnacional". Explicou que o "modelo nacional" ten que ver cunha forma que considera superada a respecto das relacións sociais e produtivas: "homoxeneización dun espazo xeográficamente circunscrito e de fronteiras ben definidas, estritamente xerarquizado e monocéntrico". De aí a alusión á necesidade de que a Unión Europea busque a súa identidade nas xa aludidas "novas tipoloxías da modernidade"·

Anne Marie Thiesse analizou o proceso da formación das identidades nacionais a finais do século XVIII e a idea de nación como ariete dunha revolución ideolóxica dirixida contra os principios organizadores das sociedades monárquicas . Unha idea apoiada en concepcións de dimensión política e cultural. "A concepción moderna da nación resulta da asociación dun principio político -universal e abstracto- e unha definición cultural -particularizante e concreta". Culturas nacionais construídas a partir do século XIX por intelectuais, artistas e produtores culturais e difundidas entre a poboación "mediante operacións pedagóxicas e escolares, mais tamén, a miúdo, extraescolares".

A autora do libro "A creación das identidades nacionais" reparou na importancia determinante que a conformación do pasado e a cuestión lingüística tivo na formación das culturas nacionais e tamén nas dificultades de "facer coincidir nun territorio unha cultura homoxénea e unha comunidade política, así como o obxectivo de identificar Estado e Nación".

Chegou deste xeito ás interrogantes abertas na actualidade e derivadas de dous fenómenos aparentemente contraditorios: a globalización que semella ameazar os Estados-nación e a reactivación da cuestión nacional e o rexurdimento dos nacionalismos e aínda a aparición das reivindicacións autonomistas ou secesionistas, que conlevan a consideración da identidade nacional "como unha temática fundamental no espazo público". "Suponse que tal identidade nacional está en perigo, ameazada pola globalización, por unha banda, e pola inmigración, pola outra".

En todo caso, concluiu, "a identidade nacional, sexa cal for a nación que se estea a analizar, é o resultado de procesos vinculados á modernidade, así como á dimensión transnacional da modernidade". Aspectos que reaparecen nesa asociación de 27 Estados-nación que é a Unión Europea, "nacida da vontade de acabar cos choques nacionalistas e coas traxedias causadas polas guerras mundiais". Contradicións da envergadura da que, a mediados do século XIX, opuxo nacionalismo e internacionalismo.

A cuestión radica agora "na forma de considerar e representar os fundamentos da solidariedade e da cidadanía entre europeos para lexitimar unha verdadeira Unión política". Anne Marie Thiesse afirmou que non serve a idea do "patriotismo constitucional" formulada por Jürgen Habermas "idea demasiado fráxil e inestable para contrarrestar os outros dous modos de identificación que hoxe están collendo un gran pulo: o nacional e o relixioso".

Unha solución tentadora é "o paradigma transnacional de formación da identidade nacional, reproducido en numerosas ocasións e amplamente exportado fóra de Europa, pero resulta moi difícil europeizar o que se constituiu nun marco nacional". De aí a necesidade de "empresas innovadoras e dunha mudanza conceptual tan radical como a que inspirou, hai dous séculos, a formación das nacións", concluiu a investigadora francesa.