NOTICIA

----

A primeira xornada sobre Lino Novás Calvo destaca a súa calidade literaria

“Ese lugar de donde me llaman” é o título dun dos contos de Lino Novás Calvo (Grañas do Sor, 1903- Lake Worth, Florida, 1983) pero tamén o dunhas xornadas que aproveita o Consello da Cultura Galega (CCG) para revisar a súa figura. O pretexto é a cesión do seu legado ao CCG por parte da súa filla, Himilce Novas. A primeira das xornadas que conclúen hoxe venres, centrouse na faceta persoal e literaria dun galego emigrado a Cuba que destacou como escritor, correspondente de guerra e traduciu a grandes nomes da literatura americana como Ernest Hemingway ou William Faulkner. As profesoras universitarias Pilar Cagiao e Cira Romero, pecharán este venres estas xornadas situando o legado do escritor no seu contexto histórico.

A documentación que o Consello da Cultura Galega recibiu o periplo vital de quen tivo moitas profesións, e na que destacaron tres facetas: a de escritor, a de xornalista cultural e político así como a de tradutor. Un material que, como explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na inauguración destas xornadas, está practicamente dixitalizado e á espera de asinar un convenio que permita a difusión pública para dar a coñecer a súa figura.

A calidade literaria da escrita de Lino Novás Calvo
Unha das súas obras máis destacada é Maneras de contar, que tivo unha edición revisada e actualizada á súa morte que se chamaría Otras Maneras de Contar, serviulle a Carlos Espinosa para dar conta da súa particular escrita. “En Novás Calvo o sobrenatural e o máxico tiña un protagonismo destacado, que o converteu nun precursor do realismo máxico” apuntou este profesor da Missisipi State University na súa intervención. Pero non só iso, aínda que hai moitas referencias vencelladas coa súa biografía, para Espinosa os protagonistas dos seus contos non reproducen historias autobiográficas, senón que se valeu delas para construír situacións. “O uso da elipse, no que se oculta máis do que se conta apelando á imaxinación e á memoria do que o le”, son en palabras de Espinosa, outros dos grandes recursos literarios dun creador considerado un dos máis importantes contistas da literatura latinoamericana do pasado século. Unha idea na que incidiu o presidente do Pen Clube de Galicia, Luis González Tosar, na súa intervención.

O momento máis emotivo das xornadas tivo lugar pola tarde, cando a súa filla Himilce Novas, que non se pudo desprazar ata Santiago compareceu por videoconferencia e destacou o carácter galego do seu pai.

Un emigrante excepcional, a debate na segunda xornada
A súa formación autodidacta de emigrante en Cuba e o coñecemento de idiomas, principalmente do francés e do inglés, marcaron a diferenza entre o perfil de Novás Calvo e o do resto de emigrantes. Foi dependente, libreiro, boxeador, recadeiro… pero el considerábase a si mesmo como escritor, como poeta. Como xornalista, Novás foi correspondente de revistas como Orbe, e xefe de redacción de Bohemia, a revista literaria máis famosa de Cuba, e sobre a que Cira Romero falará de maneira estendida na sesión de peche das xornadas. Farao despois de que a profesora Pilar Cagiao sitúe a Lino Novás Calvo na Cuba de Batista previa á revolución.

Proxecto de recuperación documental
Foi Himilce Novás quen lle entregou ao Consello da Cultura Galega numerosa documentación sobre o seu pai. Un legado que inclúe desde fondos da revista Bohemia, ata o contrato para a edición da versión española de El viejo y el mar pasando polos carnés de cando cubriu a Guerra Civil española e os seus obxectos persoais.

O legado documental de Novás insírese dentro dun proxecto máis amplo que se chama Colección Arquivos Particulares, que permite a dixitalización de arquivos persoais e fondos privados doados ao Consello da Cultura Galega. Este proxecto reúne unha importante colección de arquivos persoais de senlleiras figuras da nosa literatura e política como son Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Manuel Puente, Xosé Benito Abraira, Isaac Díaz-Pardo, Luís Tobío, Silvio Santiago ou Ramón Piñeiro. Hoxe en día a colección inclúe máis de 25 000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias.