<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/05/villares_boullon.jpg" alt="" />
<div id="pedefoto"><em>Ramón Villares e Ana Boullón</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2008</em>.- O libro “Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media”, que recolle as actas do simposio organizado en novembro de 2005 polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega, foi presentado hoxe nesta institución cultural. A obra, que segundo Rosario Álvarez, directora do ILG, “supón un fito nos estudos sobre o galego histórico” é tamén unha homenaxe ao profesor e investigador Ramón Lorenzo por parte dos seus compañeiros do ILG.
<!--more-->
O volume, de case setecentas páxinas e editado por Ana Boullón, reúne estudos que abordan o contexto histórico e cultural, a relación entre o latín e o romance, a escrita do romance no ámbito peninsular e diferentes aspectos da emerxencia do romance escrito en Galicia na época baixomedieval. Son traballos feitos por especialistas da Universidade de Santiago e doutras universidades españolas e europeas que analizan desde dinstintas perspectivas (histórica, paleográfica e lingüística) as circunstancias que fixeron posible o inicio da escrita en galego na Idade Media. Os traballos consideran asemade as situacións do noso contorno xeográfico e lingüístico (Portugal, Castela e Cataluña) e o encadramento no ámbito europeo.
Rosario Álvarez, directora do ILG, destacou a importancia da publicación e agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega tanto na celebración dos simposios coma na publicación dos textos. O presentado hoxe fai o número 5 da Serie Lingüística, codirixida por ela mesmo e por Henrique Monteagudo, secretario do CCG.
Ana Boullón explicou algúns dos aspectos da publicación e chamou a atención sobre a expresión que lle dá título: “No nosa lyngoage galega” que procede do regulamento do gremio compostelán dos Cambeadores redactado en 1490 e exhumado por José Villaamil en 1907. Nel dise ao cambeador que non utilice “ninguna lenguaje estranjera, aynda que a sabea, saluo NOSA LYNGOAGE GALEGA OU CASTELLANA”.
A disposición é a primeira que regula o uso institucional do galego e o castelán, pero non a máis antiga, documentada en 1290. En calquera caso, apunta Ana Boullón, trátase de indicios que falan da “identificación dun grupo lingüístico que foi asentando a súa especificidade desde os albores da Idade Media”.
O libro está adicado a Ramón Lorenzo, a quen lle acae unha cita da Primeira Crónica Xeral, dirixida ao rei Fernando III O Santo e, neste caso, ao profesor e ao investigador home tamén “muy mesurado, muy sabedor, muy leal e muy verdadeyro”.
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que presidiu o acto, gabouse do traballo feito polo ILG e da colaboración prestada polo Consello. Felicitou tamén a Ramón Lorenzo a quen se referiu como “un rei no estudo da lingua galega”.

