----

O Consello da Cultura Galega reedita Os nenos, obra literaria de Filgueira Valverde que dá as claves do seu contexto

“Aínda non cumprira os vinte anos cando Filgueira Valverde escribiu Os nenos, un libro de creación literaria que dá as claves do que pensaba a xeración do Seminario de Estudos Galegos”, explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación desenvolvida esta mañá. Canda el estaba Fernando Filgueira, presidente da fundación que leva o nome do polígrafo pontevedrés; Ana Isabel Vázquez, deputada provincial de Cultura; Maximino Zumalave, vocal do CCG; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, e David Pintor, autor das ilustracións que acompañan a edición facsimilar deste texto, enriquecido con dous estudos críticos. A publicación insírese nas actividades previstas polo CCG para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a “unha figura esencial na construción das institucións do século XX”, en palabras de Ramón Villares.
O Consello da Cultura Galega reedita Os nenos, obra literaria de Filgueira Valverde que dá as claves do seu contexto

Foi o propio Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) quen, sendo presidente do Consello da Cultura Galega, deseñou esta liña de libros conmemorativos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas que agora protagoniza. A obra elixida, Os nenos , está conformada por quince relatos, con ilustracións do pontevedrés Luís Pintos Fonseca, o deseño da capa e da contracapa que lle fixo Castelao en 1925 para a que foi a primeira edición. Canda o texto, a reedición presentada hoxe conta con dous estudos críticos: un literario, a cargo de Fina Casalderrey, e outro artístico, de Miguel Fernández-Cid, e incorpora sete ilustracións feitas por David Pintor. A edición xa se pode descargar desde o web do CCG e ten unha tiraxe de 500 exemplares numerados.

Os nenos no contexto dun tempo e dun autor
Os nenos publicouse por primeira vez en 1925 da man da editorial Nós na súa mítica colección Lar, co cuño do Seminario de Estudos Galegos. “Un autor novo, un texto senlleiro, unha editora esencial da cultura” apunta Ramón Villares no limiar. No seu estudo crítico, Fina Casalderrey explica que “achega algunhas claves do pensamento do autor Filgueira pero tamén da identidade xeracional que aqueles mozos do SEG estaban a construír a través de referentes políticos novos e dunha conciencia social e cultural que ultrapasaba a herdada dos seus mestres da xeración Nós”. A obra está conformada por quince historias que lle acontecen a nenos de vila e de aldea en espazos que ben poderían ser dúas das cidades máis relevantes na traxectoria de Filgueira son Santiago e Pontevedra.

Casalderrey insiste que hai “nesta «opera prima» do polígrafo Filgueira moito máis que un monllo de contos aparentemente propios de nenos, xa que ecoa neles unha clara conciencia social e unha percepción das profundas diverxencias culturais que existen no seo da sociedade nacional, pero tamén hai unha constante vontade de superación destas fracturas e da necesaria integración”.
Esta obra de Filgueira ten outro valor engadido, que é o feito de achegarse a unha corrente moi popular do momento, na que moitos galeguistas que vían en Irlanda o modelo do rexurdir do celtismo e do nacionalismo. “Galicia e Irlanda tiñan tamén en común que ambas as dúas posúen unha historia propia, unha herdanza cultural e unha lingua que sufriu a opresión de pobos dominantes. Ambas as dúas soportaron o acoso que derivou nunha tremenda diglosia” apunta Casalderrey no seu estudo.

Os nenos inaugura a colección Lar na que, para Miguel Fernández-Cid no seu estudo, “os primeiros libros son como plaquettes de cámara” onde “as imaxes funcionan como o apoio que dan as citas literarias, pero responden unha idea clara de defender o libro como un proxecto global no que a literatura manda, pero os debuxos acompañan e as capitulares dan aire de proxecto cultural”.

Actos arredor do Día da Letras Galegas
A presentación de hoxe encádrase dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas. A primeira delas tivo lugar en febreiro, cando se asinou un convenio para dixitalizar a extensa correspondencia que Xosé Filgueira Valverde mantivo con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX e que repousa nos arquivos do Museo de Pontevedra. A dixitalización comprende o seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia a cultura de Galicia como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous últimos persoeiros xa se pode consultar desde o web do Consello da Cultura Galega), entre outros. Pero tamén os papeis e notas persoais que documentan a relación de Filgueira Valverde con diferentes institucións culturais galegas, como son o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega, así como material relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido Galeguista en Pontevedra. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20 000 e está prevista a súa posta a disposición do público ao longo deste ano.

Ademais, o Consello da Cultura Galega celebrará o seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar o sábado 16 de maio en Pontevedra. A quinta edición deste formato, que xunta literatura e música, manterá a filosofía habitual e suporá a estrea dunha obra musical sobre texto de Xosé Filgueira Valverde. O concerto estará dirixido por Maximino Zumalave.

Descarga a publicación