Do programa desenvolvido no Paraninfo da Universidade da Coruña resultan salientables as achegas de Carmen Fernández Pérez Sanjulián (intertextualidade e entrecruzamento de xéneros a propósito do texto teatral "A noite vai como un río" e a novela "Un hombre que se parecía a Orestes" (premio Nadal), a de Xosé Antonio López Silva sobre a haxiografìa como recurso de subversión textual e a comparación establecida pola portuguesa María do Carmo Pinheiro sobre a humanización dos animais nos relatos de Cunqueiro e Miguel Torga. Pola súa parte a italiana Massimilla Pialorsi centrouse na metaliteratura na poética cunqueiriana, a obra dentro da obra, e o tratamento da realidade na novelística do mindoniense e quixo ver nel algúns indicadores do que logo se chamaría posmodernidade.
O HERDO DE CUNQUEIRO
Do herdo de Cunqueiro falou o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, nun detallado percorrido pola poesía galega dos anos de 1980 para deixar constancia de "comúns sinais de identidade estética" entre o autor de "Herba aquí e acolá" e Ramiro Fonte, Pilar Pallarés, Manuel Forcadela, Román Raña ou Paulino Vázquez, entre outros. Recoñecementos que, en calquera caso, deben permitir tamén comprobar que "hai vida alén do herdo".
O escritor Xosé Miranda, que definiu a Cunqueiro como "antimoderno", fronte a outras interpretacións, mesmo posmodernas, replicou tamén a Regina Zilbermann (Universidade de Río Grande do Sul) ao afirmar que a literatura do autor de "Merlín" non entra no xénero "fantástico" e si no "marabilloso". "O real e o marabilloso coexisten en Cunqueiro como dous mundos integrados nun só mundo", afirmou.
A recepción da obra cunqueiriana, con especial atención ao traballo crítico de González Millán, foi un dos argumentos da sesión da tarde no relatorio de Alex Alonso Nogueira, ao que seguiron outros de Carlos Callón e Florentino Pérez García e a conferencia de Martine Roux, da Universidade de Angers (Francia) sobre "O proceso de configuración textual en "Merlín e familia".
PROXECCIÓNS
O día finalizou no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) coa proxección dos documentais "Galicia", de Claudio Guerín, e "Xantares", de Pedro Olea, ambos de 1966 e con guións de Cunqueiro, e o episodio "O verdugo", de "Os outros feirantes", dirixido en 1989 por Xosé Cermeño.
VENRES 30, DE NOVO EN SANTIAGO
A xornada de mañá venres, 30 de setembro, desenvolverarse novamente no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela e nela destacan as conferencias de Fernando Valls (12 horas) e Jordi Gracia (19 horas).
O programa comezará ás 9´30 horas con senllas sesións de comunicacións na Biblioteca sobre o tema "A recepción da obra cunqueiriana II. Cunqueiro no ámbito infanto-xuvenil" (Cristina Novoa Fernández, Pilar Sampedro Martínez e Montse Pena Presas) e "Achegas bibliográficas" (Xosé Luís Cochón Touriño e Joaquín Ventura Ruiz).
e no Salón de Actos, tema "Cunqueiro e o seu tempo" (Cristina Martínez Tejero, Olivia Rodríguez González e María Dolores Villanueva Gesteira) e "As artes plásticas e escénicas dialogan con Cunqueiro II" (Xavier Castiñeira Blanco, Xaime Estévez Vila e Camilo Fernández Valdehorras).
Ás 12 horas disertará Fernando Valls (Universidade de Barcelona) sobre "Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción" e unha hora máis tarde María Xesús Nogueira, Camino Noia e Marcial Gondar dialogarán sobre "O popular en Cunqueiro".
Ás 17 horas completaranse as sesións de comunicacións sobre "Cunqueiro e as tradicións literarias universais" con relatorios de Félix Francisco Castro Vicente, Rubén Jarazo Álvarez e Antonio Francisco Pedrós-Gascón, na Biblioteca, e "O popular en Cunqueiro", con José Manuel Eiros Bouza e José Luís Forneiro, no Salón de Actos.
O día rematará coa conferencia "Os lugares do intelectual", que dictará Jordi Gracia, da Universidade de Barcelona.
O congreso celebrará as últimas sesións o sábado 1 de outubro no Auditorio Municipal de Vigo.


